InicioMovementos sociaisGalegas nas Letras: Andrea Barreira conversa sobre Marica Campo

Galegas nas Letras: Andrea Barreira conversa sobre Marica Campo

A Sega celebra este mércores a literatura en galego de Marica Campo, á que adica unha xornada no Parque da Milagrosa de Lugo

PUBLICADA O

- Advertisement -

Andrea Barreira Freije (A Fonsagrada, 1986) é xornalista e autora de contos e fantasía para xoves e adultos. É asemade parte da agrupación A Sega, que cada 15 de agosto reivindica o Día das Galegas nas Letras. A ocasión é un espectáculo aberto con xantar e música, con autoras e cantantes que amosan o seu respecto e admiración polas mulleres que abriron paso na literatura en galego. Este 2018, a Nosa Señora das Letras é a tamén lucense Marica Campo.

Como é que caes na Sega?

Coñezo A Sega dende que comezaron, que levan dende o 2013. Está formada por autoras que xa teñen unha traxectoria, uns coñecementos, mulleres que eu admiro moito. Nun principio comentoume Patri [Patricia Puerto], a dona da Librería Lila de Lilith de Santiago de Compostela, que andaban buscando xente, pero eu non me acababa de animar porque pensaba que me quedaba un percorrido para chegar ata aí.

Pasou o tempo e, ao final, elas decidiron adoptarme. O convite partiu delas, foron elas as que me dixeron que lles gustaría que formara parte. Díxenlles que si cunha felicidade inmensa, ao tempo que con moito respecto polo traballo que fan dende A Sega.

É o quinto ano no que se reivindica o Día das Galegas nas Letras. En que medida mudou a acollida?

O certo é que estamos moi contentas neste aspecto, dende o principio tivo moita visibilidade e repercusión, a xente implicouse; non hai que esquecer que María Victoria Moreno foi Letras Galegas, e foi antes homenaxeada no Galegas nas Letras.

Cos anos vaise vendo o interese, o social sempre estivo aí, e agora é máis a nivel medios e institucional, tamén os concellos se involucran, iso é importante. Entre a xente das letras e as persoas arredor das homenaxeadas sempre tivo unha calurosa acollida, con actividades a continuación sobre a figura para dar a coñecer ás mulleres que homenaxeamos. Levamos cinco anos xa, pouquiño a pouco imos medrando e vemos como se teñen máis en conta as nosas propostas.

Andrea Barreira Freije | A Sega
Andrea Barreira Freije | A Sega

Este 2018 a Nosa Señora das Letras é a gran Marica Campo. Antes foron Patricia Janeiro, María Xosé Queizán, María Victoria Moreno, e Dorothe Schubart. Que une a todas elas?

Creo que o común que hai entre todas elas é que representan a un conxunto de escritoras, ou á situación das escritoras. O ano pasado, con Patri Janeiro, tentouse a través da súa figura dar visibilidade a todas as autoras que quedan –de feito o manifesto chamouse así– nos puntos suspensivos das listaxes cada vez que se nomean a autoras e escritoras. Sempre quedan moitas. E tentouse homenaxear a todas elas.

Con Marica Campo, homenaxéase a todas as mulleres que abriron as portas para as que vimos detrás, que fixeron camiño para que nos puidésemos chegar lonxe e o noso traballo se tivese en conta.

A María Victoria Moreno, a todas as que escriben dende a literatura infantil e xuvenil (LIX), que moitas veces é considerada como menor a pesar de que onde máis lectorado hai é nesa literatura. O que teñen todas en común é que nos representan, representan diferentes situacións ás que nos enfrontamos as escritoras e as mulleres no eido da cultura.

A maiores da relevancia individual, porque todas teñen por si mesmas un peso: María Xosé Queizán é unha muller de referencia a día de hoxe, cunha gran traxectoria, e no ámbito de investigación está moi esquecida.  Todas, aínda que teñen ese peso per se, represéntanos a todas. Sempre se debaten moitas propostas.

Dalgún xeito, Marica Campo representa moi ben á Sega. Non só abriu paso, tivo outras facetas coma a procura dun galego de calidade, a recuperación da memoria e da identidade galega.

Marica ten un perfil moi amplo, dende a recuperación da memoria dándolle o xiro da voz das figuras míticas femininas galegas, a tratar temas que cheguen a todos os públicos, crianzas e adultas. Logo ten o seu labor nos medios, o traballo que fai na prensa e na traducción. Unha muller que se implica non só á hora de escribir, tamén con autoras da provincia, non hai que esquecer que fixo prólogos á obras de Olalla Cociña e Xela Arias, dá respaldo e apoio.

Todas esas facetas, por exemplo na música, amplían o perfil de escritora; o Día das Galegas nas Letras destaca o traballo literario, pero busca mulleres que se impliquen na cultura galega. Marica Campo implícase dende moitos eidos diferentes e mírase no agarimo que lle ten a xente. E hai que ter en conta que é autora de Lugo. Ás veces parece que se esquece que tamén hai autoras no interior de Galicia, represéntanos a todas as que somos do interior.

Marica Campo é do Incio, e ti es da Fonsagrada. Que queda da terra na literatura?

En Marica Campo, aparte do imaxinario mítico de seres de fantasía e lendas, todo o sentimento do interior e do rural. A poesía mostra o apego á terra, moi específica. Non me voy comparar nin de lonxe con Marica Campo; a min dinme que eu son moi de verde, que cando escribo nótase a montaña e o olor a bosque.

As lembranzas de pedra e bosque están aí, queiras ou non, ao estar no teu imaxinario quedan na obra en como tratas as personaxes. Que [Marica Campo] escollera na obra infantil O premexentes a figura do paxaro, paxaros tan nosos e tan de aquí, iso é identidade, de ser dunha zona e de ter coñecemento do que che arrodea, alén do coñecemento da lingua. Todos eses detalles acaban definindo a unión entre de onde es e a túa escrita.

Como sintetizar toda a aportación de Marica Campo nesta xornada do Día das Galegas nas Letras?

Vai ser un resumo moi divertido. Imos comezar ás 12.00 cun roteiro imaxinario, no que imos, no propio Parque da Milagrosa, dunha obra a outra. Despois, pola tarde, haberá actuacións musicais tradicionais, que levarannos á musica de Marica Campo nos cantos de Fuxan os Ventos. E haberá a lectura da súa obra a media tarde, rematando coa lectura conxunta de O premexentes, teatro infantil.

Evidentemente un día non dá para todas as obras, pero si que podemos resumir moi ben o que significa a figura de Marica Campo. Á tarde comezamos coa actuación de Vero Rilo, que fará o seu espectáculo de Lavandeiras, dando voz propia a estas mulleres. Estará representada cada unha das facetas, sobre todo a literaria e musical.

Os obradoiros como o que realizarás con motivo do Galegas nas Letras son parte da túa vida profesional. En que consiste o taller que impartirás?

Sendo un obradoiro cara á tardiña, será case un xogo no que eu proporei unha lenda, e a partir desa lenda, entre todas as persoas participantes crearemos conxuntamente un conto, seguindo a tradición oral. Ese conto estará salpicado por distintos elementos da actualidade, eu darei fichas a modo de xogo, que terán que incorporar á propia historia. A ficha pode conter elementos de lenda ou da actualidade. Un pouco facer ese xogo de traer a tradición aos nosos días dun xeito oral e de xogo, lembrando as xuntanzas de antes.

Andrea Barreira Freije é graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, especialista en comunicación medioambiental, social e internacional, e actualmente estuda Pedagoxía. É autora de Non hai luz sen escuridade (Urco Editora), novela fantástica xuvenil. Para adultos ten relatos nas antoloxías colectivas Contos do SacauntosRomasanta o criminal (Urco Editora), Lendas de Gallaecia, Segunda Era e Encontros na Terceira Fase (Contos Estraños), Tebras na Alma (autoedición), e Contos de Verán (Redelibros). Imparte obradoiros de narrativa para adolescentes e adultos, de escrita creativa, é redactora na web Galicia Enteira e forma parte da plataforma de crítica literaria feminista A Sega, que visibiliza o traballo das escritoras.

ÚLTIMAS

Deteñen a unha muller de 71 anos por introducir droga no cárcere de Monterroso

A Garda Civil de Lugo detivo a unha muller de 71 anos acusada dun delito de tráfico de...

A Policía Local de Lugo identifica a dous mozos facendo pintadas e a outro que esnaquizaba coches a fartar

A Policía Local de Lugo identificou a dous mozos sorprendidos mentres realizaban pintadas na mañá de...

Lugo realiza case 900 rexistros de rede de sumidoiros para controlar as pragas urbanas

O Concello de Lugo levou a cabo un total de 870 rexistros de rede de sumidoiros en nove...

A xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, Medalla de Ouro ao Mérito en Belas Artes 2024

A produtora cinematográfica Chelo Loureiro e a xerenta da Rede Museística Provincial de Lugo,...