InicioPolíticaAs filas do PSdeG ventan cambios e Besteiro perfílase como posible alternativa...

As filas do PSdeG ventan cambios e Besteiro perfílase como posible alternativa a Caballero

O arquivo do caso Garañón abriu a porta á volta do exlíder socialista á primeira liña política. Hai quen ve nel unha garantía de éxito nunha hipotética lista diferenciada, pero esa candidatura non está pechada, nin moito menos. Nela tamén aparecen outros nomes como os de Valentín González Formoso ou Pilar Cancela.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O arquivo do caso Garañón, un dos asuntos xudiciais iniciados por Pilar de Lara e que supuxo a caída de quen foi líder do PsdeG, José Ramón Besteiro, trouxo novamente á primeira liña política ao ex presidente da Deputación de Lugo e ex secretario xeral dos socialistas galegos. Un perfil no que moitos ven unha alternativa a Gonzalo Caballero no congreso que este partido celebrará a final de ano.

Polo momento, Besteiro mantén silencio sobre o seu futuro político pero hai quen o está tentando para que volva á primeira liña e presente a súa candidatura á Secretaría Xeral do PsdeG. No seu entorno non pechan esta posibilidade, pero apuntan que, polo momento, o seu interese non está en voltar á política. Pero como é que volve saltar o seu nome para liderar o Partido Socialista de Galicia?.

Levamos máis de tres anos sen un proxecto político, á deriva, con referentes que se están afastando deste partido”. Así resume un veterano militante o que está sucedendo no PsdeG. Unha situación de malestar interno que se acrecentou nas pasadas eleccións de xullo, cando o BNG volveu dar un sonoro ‘sorpasso’ ao PSdeG.

FERIDAS ABERTAS

Pero as feridas internas que se abriron no Congreso de 2017, cando Caballero se enfrontou a Juan Díaz Villoslada, daquela candidato do aparato coruñés, lonxe de fecharse aumentan día a día. E un exemplo manifesto desa actitude irreconciliable está na nova fronte aberta entre a dirección socialista e a Executiva local coruñesa a conta dos pagos da cota de militancia que volveu poñer enriba da mesa o enfrontamento soterrado que existe entre as distintas familias socialistas.

Precisamente, é a dirección provincial e local do PsdeG da Coruña a máis interesada en presentar un candidato alternativo a ese congreso. E ese candidato algúns queren velo en José Ramón Besteiro tras a súa desimputación nun dos casos que supuxo o seu ocaso político, xunto co de Orozco, entón alcalde de Lugo. “Ten as portas abertas a volver cando estime oportuno”, dicía Gonzalo Caballero ao coñecerse a noticia, ao tempo que agardaba que “se solventen os asuntos xudiciais pendentes”. Un comentario que lle sentou moi mal ao propio Besteiro. “Cando di iso é que ten medo a que alguén lle poida facer sombra”, apunta unha ex deputada socialista consultada.

Pero semella que, polo momento, Besteiro non vai dar ese paso aínda, e non tanto por eses “asuntos xudiciais”, que no seu entorno cren que non teñen “ningún percorrido”, senón porque cren que non é aínda o momento de facelo. De decidirse, contaría co apoio do presidente provincial coruñés, Valentín González Formoso, con quen mantén unha magnífica relación, e tamén con boa parte do aparato socialista de Lugo.

“TRANQUILIDADE” NO ENTORNO DE CABALLERO

No entorno de Gonzalo Caballero están tranquilos. Cren que Besteiro non se vai presentar, nin tampouco González Formoso, a pesar das “ansias dalgúns en tentar desestabilizar o partido”. E dirixen as súas críticas directamente cara ao edil coruñés José Manuel Lage, do que din que é o que está tentando montar unha lista alternativa. “A ver a quen atopa para iso”, ironizan.

Tamén amosan a súa tranquilidade ante a posibilidade de que finalmente se presente esta lista, sexa quen sexa o candidato, xa que din controlar a provincia de Ourense, boa parte da de Pontevedra e cren que Lugo “non se moverá”. “Ademais están próximas as eleccións municipais e a ninguén lle interesa andarse a mover moito”, advirten ao lembrar que “Pedro Sánchez apoia a Gonzalo”.

PERDA DE CONFIANZA

Os críticos non o ven tan claro e din que os números de Gonzalo Caballero “non cadran”. “Perdeu boa parte dos apoios que o votaron en 2017”, apunta un cargo socialista que daquela fixo campaña a prol del. “Desde que entrou amosouse moi distante e actúa dun xeito estalinista”, critica. O mesmo opina un alcalde consultado que, hai tres anos tamén decidiu apoialo. “E que non temos un rumbo fixo”, lamenta. “As contas son fáciles, hai moita xente, moita, que apoiou a Gonzalo no último Congreso que xa non está con el e ninguén coñece a ninguén que, non teña votado por el hai catro anos, que lle vaia votar agora”, di outro cargo socialista consultado.

No resultado desta ecuación imperfecta ten moito que dicir Abel Caballero, alcalde vigués e tío do líder socialista, con quen mantivo unha disputa antes da chegada deste á Secretaría Xeral do PsdeG. Desde entón, a relación foi mellorando e manteñen unha pax táctica que podería rompmerse se o candidato que se presente ten o visto e prace do rexedor vigués.

O FACTOR PILAR CANCELA

E como nas matemáticas políticas as variables poden cambiar rápidamente, na ecuación imperfecta tamén podería entrar o nome de Pilar Cancela, ex secretaria de Organización do PsdeG e, desde o 2016, deputada no Congreso. De feito, no seu periplo madrileño, a ex directora xeral de Relacións Laborais con Touriño tamén se fixo un oco entre a “xente de Pedro Sánchez”. En xuño de 2017 foi elixida secretaría da área de Políticas Migratorias e PSOE do Exterior na Executiva do actual presidente do Goberno.

Precisamente, o factor Cancela é o que podería acabar desnivelando a balanza en contra de Gonzalo Caballero se, finalmente, a deputada decide dar ese paso. Un paso que daría, obviamente, co consentimento de Sánchez, o que implicaría que Gonzalo Caballero deixaría de contar co seu respaldo. “É deputada e moi cercana a Pedro. O malo é que deixou mala imaxe na xestora. Pero co apoio da Coruña e Lugo e parte de Pontevedra, quen sabe. Ademais, estar cerca de Pedro tamén axuda a que Abel Caballero poida axudala”, di un veterano militante socialista consultado.

“Iso é moi improbable”, apuntan fontes afíns a Caballero que consideran que Cancela está centrada en Madrid. Ademais, “agora está enfrontada con Adriana Lastra”, o que dificultaría un salto á política galega. Non cren que Sánchez autorice unha operación que podería desestabilizar a dirección socialista ao tempo que critican que certos medios de comunicación estean en campaña permanente de déscredito contra o líder socialista galego, mentres “miman” á dirixente do BNG. “Está claro que [o presidente do Goberno español] está moi cómodo con el porque non lle dá problemas, non pide nada… pero Pedro tamén mira polos seus votos e quere a alguén que sume e, agora, Gonzalo Caballero resta”, apunta outro ex deputado consultado.

O CAMIÑO QUE VÉN

Todos teñen no horizonte unhas eleccións municipais nas que o PsdeG “non pode permitirse perder as cotas de poder que xa ten”, nin moito menos un novo ‘sorpasso’ do BNG. E  nese horizonte están os que pensan que para manter esa cota non pode estar Gonzalo Caballero e os que cren que tentar derrotalo suporía unha “gran desestabilización” para o PSdeG nun momento no que, din, se precisa “sangue frío” porque non hai un referente claro que poida dar a batalla dentro do Parlamento. En todo caso, a “Guerra Fría” continuará nos vindeiros meses no PSdeG ata a celebración dese congreso.

Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.

ÚLTIMAS

A redacción do proxecto para construír unha residencia na Pastoriza será financiada pola Xunta

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse co alcalde da Pastoriza,...

Abadín rexistra 62 litros por metro cadrado debido á borrasca Caetano

A borrasca Caetano, que este xoves obrigou a activar diferentes alertas laranxa e amarela...

Un bus urbano causa danos nunha vivenda en Lugo tras saírse da vía e un dos pasaxeiros resulta ferido

Un bus urbano de Lugo sufriu este xoves un accidente de tráfico e causou danos nunha...

Detida unha muller de 20 anos de idade tras tentar introducir marihuana no centro penal de Monterroso

A Garda Civil detivo a unha muller de 20 anos de idade, veciña de Pontevedra, como presunta...