Unha muller enfróntase a unha petición de cinco anos de prisión acusada de manipular unha persoa que estaba ao seu coidado e que presentaba problemas de alteracións da memoria, intelixencia e orientación, para entregarlle máis de 136.000 euros das súas contas bancarias. O xuízo celebrarase a partir do martes na sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo.
Os feitos ocorreron no ano 2016. A acusada, M.A.G., fora contratada para atender e realizar os coidados da vítima, MD.B.B., con problemas de alteracións nas súas funcións psíquicas, de memoria, intelixencia e orientación que supuñan unha severa dificultade para gobernar a súa persoa e os seus bens.
Segundo a fiscalía, entre os meses de febreiro e outubro, a muller levou no seu vehículo á vítima a través de distintas entidades bancarias nas que esta persoa contaba con contas correntes, e nas que retirou importantes cantidades de diñeiro.
En suma, as contías retiradas ascenderon a máis de 136.000 euros e a acusada, mediante enganos e aproveitándose da súa situación de debilidade, convenceu a MD. de que lle entregase o montante retirado.
A fiscalía considera os feitos como un delito continuado de estafa, e pide unha pena de cinco anos de prisión para a muller.