InicioOpiniónDía 13 de corentena: a vida a través das fiestras (ou cando...

Día 13 de corentena: a vida a través das fiestras (ou cando montas un bar na ventá da cociña)

«Nin confirmo nin desminto que leve todo o día facendo a broma de que fun tomar algo a unha terraza. A repisa da ventá da cociña axeitóuseme bastante ben para apoiar o cóbado mentres bebía unha glamurosa copa de auga da billa en vaso de cristal groso».

PUBLICADA O

- Advertisement -

Lémbrome moito do comentario que fixera un profesor de Xornalismo sobre un ensaio de Umberto Eco. “Non sei se vos imaxinabades que alguén puidera dedicar un libro enteiro a falar dos espellos”. “Dos espellos non sei, pero das fiestras se cadra si”, pensara eu, que sempre ando dicindo o moito que me gustan as ventás. Daquela aínda non sabía que, apenas un par de anos máis tarde, chegaría unha terrible pandemia mundial que o había mudar todo e que nos había situar a todas detrás dunha desas fiestras durante semanas, a ollar o mundo a través dos cristais.

De súpeto, as ventás teñen máis protagonismo ca nunca. Son espazo de encontro entre veciñas que conversan de casa a casa e que aplauden ás oito da tarde; expositores nos que pendurar os debuxos coloridos da rapazada sen clase; o buraco polo que proxectar no edificio de en fronte frases de ánimo e críticas políticas. Mesmo poden ser a barra dun bar improvisado.

BARES DE CORENTENA

Nin confirmo nin desminto que leve todo o día facendo a broma de que fun tomar algo a unha terraza. A repisa da ventá da cociña axeitóuseme bastante ben para apoiar o cóbado mentres bebía unha glamurosa copa de auga da billa en vaso de cristal groso. Ao meu acompañante servíronlle a consumición nun vaso de Nocilla. Moi elegante non queda, pero que non se queixe, que collía o dobre de bebida e non lle cobraron de máis. Hoxe convidaba a casa.

Deseguida, unha tapa de callos do día antes e un pincho de pan con salchichón curado ao fume. Son o demo estes bares de Lugo! Poñen tapas incluso sen ser bares de verdade. Pouco nos faltou para valoralo con cinco estrelas en Google.

Probando unhas pólas de sombreiro | ALX

UNHA OCASIÓN PARA ESTIMULAR A CREATIVIDADE

A ventá da miña cociña, coma todas as ventás do mundo, tamén fai de espello (iso tívoo en conta Eco?). Unha pode remirarse no cristal, igual que facía disimuladamente cando pasaba por diante dun escaparate na rúa. Porque ser patética non entende de corentenas nin de coronavirus.

Dicía que unha pode remirarse nesa ventá-espello, coma se dun probador dunha tenda se tratase, e comprobar que tal lle sentan esas pólas de árbore que lle medran na cabeza. “Mellor con paxariños ou sen eles?” E, así, cando te decatas, xa levas un anaco editando unha foto para o Instagram, que iso non pechou. 

As fiestras son a garantía de normalidade nesta situación tan anormal. Ao outro lado, a vida segue. Máis amodiño e máis triste, pero segue. A primavera avanza allea a toda esta leria e píntanse no ceo uns solpores ben bonitos. E todas devecemos por volver velos sen unha xanela polo medio.

Solpor a través da fiestra | ALX

[ Esta peza forma parte dun ‘Diario de corentena’ conxunto que se ha ir escribindo dende o Lugo Xornal, o Xornal da Mariña e o Xornal de Lemos ]

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...