As asociacións da provincia de Lugo piden paso

Os colectivos sectoriais e veciñais son imprescindibles para preservar as tradicións e revitalizar espazos que non acadan as administracións

Veciños do barrio da Tinería, en Lugo | Óscar Bernárdez
Veciños do barrio da Tinería, en Lugo | Óscar Bernárdez

Unha sociedade pode estruturarse de xeitos moi diversos. Por desgraza para Lugo e a veciña comarca do Bierzo, o ordenamento do estado español recollido na Constitución non está pensado para unha rexión de poboación dispersa e alonxada dos centros de decisión. A estrutura vixente consiste nun poder central que adxudica os recursos e delega a súa xestión en comunidades e deputacións. É un modelo de representación que deixa unha participación marxinal á sociedade civil.

Neste esquema, o cidadán só pode ser representado polos políticos elixidos, e o conxunto das asociacións comunitarias ou sectoriais queda fóra do círculo decisorio. As iniciativas lexislativas populares e outros mecanismos de participación directa son, case sempre, ciencia ficción. Malia todo, a sociedade civil demostra na provincia de Lugo e na comarca do Bierzo que resulta esencial para, por exemplo, recobrar costumes perdidos ou atender a vilas e parroquias que esmorecerían de non ser por estas iniciativas.

Hai exemplos de toda clase: colectivos que coidan dos burgos, agrupacións ou promotores da música en directo, asociacións que vixían e clasifican o patrimonio, que velan polas minorías, deportivas, ou que organizan a hostalaría e o turismo. Algunhas defenden os intereses dun eido concreto, outras abranguen comarcas ou lugares. Poden ser unións temporais, cun obxectivo determinado, ou consolidarse coma un axente da vida cotiá.

Un factor común á sociedade civil de Lugo e O Bierzo é que carece dun espazo reservado para reunirse, expresarse e decidir sobre aquilo que lle compete. Poderá facelo na medida en que as autoridades así o dispoñan, sen garantía de que a postura dos colectivos civís sexa consultada ou respectada eventualmente.

Intre dunha asamblea da plataforma Lugo Sen Mordazas | Óscar Bernárdez
Intre dunha asamblea da plataforma Lugo Sen Mordazas | Óscar Bernárdez

Este sistema de transacción entre elites non só presenta problemas de representación e lexitimidade, tamén implica baleiros na actuación das administracións, cando non profundos desacordos: a aposta dual da Deputación para o coidado de animais abandonados bate frontalmente coa proposta dos colectivos animalistas.

En ocasións, o papel dos entes provinciais e locais semella máis propio do mecenazgo que da correcta representación dos intereses da cidadanía. Ninguén nega a importancia das achegas económicas dos concellos ou do goberno provincial, pero eses fondos obedecen a un reparto arbitrario e cambiante, non a unha partida específica que os colectivos poidan administrar. 

Por outra banda, a capacidade de intervención das distintas administracións é limitada, en tanto que contan con persoal limitado. Só co pulo de Lugo Monumental puido a capital da provincia recuperar a tradición do Milagre de San Vicente. Só coa paixón da Asociación para o Desenrolo de Negueira de Muñiz puido celebrarse o primeiro Festival do Alto Navia. E hai centos de casos semellantes en todas as comarcas.

As asociacións e colectivos de Lugo e O Bierzo non son só unha fonte de sabiduría popular. Son o brazo que completa e corrixe a actuación do noso ordenamento xurídico, que pode ter os seus acertos e os seus desatinos tamén. É por iso que a sorte da sociedade civil non pode depender de intereses puntuais da clase política: merecen un espazo de decisión e recursos propios para perdurar no tempo. Porque sen eles, a sociedade de noso perdería a súa vitalidade e a súa identidade. 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here