InicioCultura"Quen goste da música estará no festival Blues Museum de Lugo"

“Quen goste da música estará no festival Blues Museum de Lugo”

Falamos con Eduardo Torrón para coñecer de primeira man as novidades do festival de blues a celebrar os días 20 e 21 de xullo en Lugo

PUBLICADA O

- Advertisement -

Sempre é unha gran nova que os eventos culturais poidan afianzarse. E máis se é vencellado á música en directo, parte do debe histórico do ocio en Lugo. Aproveitando as noites de calor, o Blues Museum terá a súa segunda edición os días 20 e 21 de xullo na Praza da Soidade da capital lucense. Afrontando xa os últimos preparativos, un dos dous promotores do festival atendeu a Lugo Xornal para trasladar a experiencia do ano anterior e as novidades para este 2018.

Eduardo Torrón comezou este proxecto con dúbidas. Con experiencia na programación cultural de Lugo, sabe da dificultade dos veráns na cidade. “Comezamos temerosos. Víamolo coma unha experiencia complicada, era un terreo novo”. Con todo, sabían da carencia da programación musical, o que lles animou a continuar coa idea. “Salvando algunha iniciativa privada en locais de hostalaría, ou algo que poidera organizar o Concello con grupos locais, pouquiño máis”.

“Afrontámolo con bastante medo ao principio, pero resultou unha decisión máis ca exitosa”, afirma Torrón. “As propostas do cartel foron boas e a recepción foi estupenda. Co cal haberá esta segunda edición, e coido que unha terceira, cuarta e quinta aseguradas no futuro, espero”. Esta iniciativa de dúas persoas do mundo do blues tivo un apoio imprescindible na Deputación, que “leva o peso do Festival coa colaboración do Concello de Lugo”. 

Os promotores afirman que o Blues Museum é “un festival distinto do doutros lugares de Galicia”, alonxado do blues clásico doutros festivais. “Tentamos que sexa algo sostible no tempo en canto a ofrecer moitas alternativas no blues e a música negra”. Torrón defende a proposta lucense fronte á “programación mainstream, que repite actuacións en distintos lugares”.

Fred Wesley na I edición do Blues Museum de Lugo
Fred Wesley na I edición do Blues Museum de Lugo

Este ano amplían o radio de acción do festival, o que tentarán mudar en tendencia de cara ao futuro. “Como novidade, saímos ao Campo Castelo cunha sesión vermú con The Cyborgs. A intención é ir expandíndose pouco a pouco pola cidade, que sexan dous días de blues, un gran festival con grandes escenarios por todo Lugo”.

Dende a organización subliñan o apoio da Deputación, que liga esta actividade ao Museo Provincial, de aí o nome. “Quedamos en que a ubicación para as primeiras edicións sería na Praza da Soidade, canda o Museo. Ogallá no futuro haxa que plantexar unha praza máis grande”. 

 

Cartel

“O máis salientable do cartel é que é capaz de aglutinar na mesma praza a alguén de 17 anos e alguén de 80, un cartel ecléctico e para todos os gostos”. Así, o único en común dos artistas que conforman o cartel de 2018 “é que todos son boas opcións e que quen goste da música vai estar alí”. 

“Non hai nada semellante, ofrecemos cousas moi distintas”. Está Southern Avenue por primeira vez en España. O ano anterior contaron cos australianos Lachy Doley e Ash Grunwald, que tampouco estiveran anteriormente. As opcións agrupan a artistas “que tanto especialistas do xénero como non iniciados apreciarán”.

“Southern Avenue é unha novidade total, un grupo revelación en Estados Unidos e toda unha revolución no xénero; Aurora & The Betrayers sempre é garantía, os Travellin Brothers é a primeira vez que van estar en Lugo, e Dani Nel·lo é o que era antigamente Mambo Jambo, Los Rebeldes, estamos a falar dun dos grandes do escenario”. Torrón di que non salientaría a ninguén en especial, alabando a calidade de todos.

 

Masterclass

Na primeira edición realizaron unha clase guiada por Ash Grunwald, nos xardíns da Deputación. O éxito animoulles a repetir a experiencia. “Non é unha master class para especialistas, tentamos que sexa unha interacción do artista co público: o seu xeito de compoñer, tocar algún tema, falar das experiencias”. “Falamos neste caso de Laurence Jones –explica–, un chaval de 26 anos que xa foi galardoado tres veces coma o mellor guitarrista europeo de blues. Vai ser máis ca interesante”.

Cartaz do II Blues Museum
Cartaz do II Blues Museum

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...