InicioPolíticaAsí reaccionou a política lucense e galega á moción de censura

Así reaccionou a política lucense e galega á moción de censura

Os representantes públicos de Lugo e Galicia deixaron versións moi dispares do acontecido na moción de censura – EU lembrou a xestión de Mariano Rajoy en Galicia – Tan só En Marea e o BNG reivindicaron unha maior presencia galega na política estatal

PUBLICADA O

- Advertisement -

O éxito da moción de censura presentada polo Partido Socialista contra o executivo de Mariano Rajoy non ten precedente na historia democrática española. Os representantes públicos de todo o estado centran a atención no novo presidente do goberno, Pedro Sánchez, que recibiu a confianza do Congreso dos Deputados. Entre celebracións e críticas, apenas houbo espazo para as reivindicacións de Lugo e de Galicia. Estas foron as reaccións dos políticos máis relevantes da contorna lucense.

 

Na dereita, sintomática ausencia de Galicia

Silencio da presidenta do Partido Popular en Lugo, Elena Candia, e tamén do delegado territorial da Xunta na provincia, Jose Manuel Balseiro. Os populares galegos, en xeral, limitáronse a compartir a solemne despedida do xa expresidente Rajoy. O secretario xeral Miguel Tellado tampouco se pronunciou sobre a moción de censura. Quen si compareceu publicamente foi o presidente da Xunta. Alberto Núñez Feijóo dixo estar “a disposición de Galicia e do partido, pero de Galicia”. E fora do eido autonómico, apareceu o lucense e voceiro do Partido Popular no Senado, José Manuel Barreiro.

En Ciudadanos houbo moita actividade, mais toda enfocada á estrutura de comunicación centralizada característica da formación laranxa. Dende o perfil de Olga Louzao, voceira en Galicia amais de na cidade de Lugo, e o de Ciudadanos Galicia fixeron eco das reaccións dos persoeiros máis importantes do partido en Madrid. A última mensaxe de Louzao data de onte.

 

A esquerda, entre a celebración e a reivindicación

Festa, e non é para menos, no Partido dos Socialistas de Galicia. O secretario xeral do PSdeG tivo moita presenza nas redes sociais durante a moción, á que foi convidado e observou dende o anfiteatro. Porén, non houbo oco para os asuntos galegos nin os propios de Lugo. É un día adicado ao líder e novo presidente do goberno, Pedro Sánchez. Así o plasmaron Gonzalo Caballero e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.

A outra forza con presencia galega no Congreso, En Marea, salientou o valor dos seus cinco deputados para que a votación saíra adiante. O parlamentario Miguel Anxo Fernán-Vello foi o encargado de representar na tribuna ao grupo confederal, e tamén logo na rolda de prensa, que serviu para escenificar a súa participación. Tamén houbo mensaxes dende a representación de En Marea no Parlamento de Galicia, cun Luís Villares que centrou o discurso en vencellar a derrota do Partido Popular coas perspectivas do actual goberno da Xunta. E os aliados de Esquerda Unida tiraron de hemeroteca para lembrar o papel do presidente censurado na xestión do Prestige.

Finalmente, a principal reivindicación correspondeu ao Bloque Nacionalista Galego. O voceiro do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, comparou as mencións durante o debate a Euskadi e Catalunya coa ausencia de Galicia. Na mesma liña foi a representante do Bloque no Parlamento galego, Ana Pontón, a primeira en solicitar ao novo presidente unha liña de acción para o país.

ÚLTIMAS

Candia esixe ao goberno de Lugo que actúe ante os conflitos que se orixinan nos locais do lecer da rúa Tui

O barrio da Milagrosa de Lugo rexistrou esta fin de semana un novo incidente...

Detido en Lugo un home que quedou cunha menor de idade a través dunha aplicación de citas

A Policía Nacional detivo en Lugo a un home que foi sorprendido o pasado día 3...

Identificados catro almerienses por presuntamente estafar 4.500 a un empresario lucense por Internet

A Garda Civil de Lugo identificou a catro veciños de Almería por supostamente estafar 4.500 euros...

Incendio nunha empresa de colchóns de Palas de Rei mobiliza un amplo operativo de emerxencias

Os servizos de emerxencias traballan na extinción dun incendio iniciado no exterior do recinto...