InicioCulturaLara Méndez pide un "plus" para o galego polo seu estado "delicado"...

Lara Méndez pide un “plus” para o galego polo seu estado “delicado” fronte ao castelán

Máis dun centenar de persoas protestan polo fallo do Supremo contra a ordenanza de Lugo sobre o uso do galego. "A xente que peiteamos canas, e temos anos encima, lembramos este país cando falar galego á parte de ser unha cuestión de clase, era unha cuestión de vergoña", lembra o deputado nacionalista Mini.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Máis dun centenar de persoas mobilizáronse este mércores para protestar pola sentenza do Tribunal Supremo, que confirma outra do TSXG, contra a ordenanza municipal do Concello de Lugo sobre o uso do galego.

Os manifestantes atendían así á convocatoria realizada pola plataforma ‘Queremos Galego‘ para concentrarse ante o edificio consistorial, un acto que contou con participación da Mesa pola Normalización Lingüística e representantes da corporación, coa alcaldesa, Lara Méndez, á fronte.

Marcos Maceira, presidente da Mesa, apelou a que “o estatuto de autonomía fala de que hai dúas linguas cooficiais en Galicia, e unha, a galega, é a lingua propia de Galicia”. Neste sentido, criticou que a sentenza impoña “límites” ao emprego do galego, unha “situación inxusta”. A alcaldesa de Lugo avanzou o “agradecemento” do concello, “tanto á Mesa como á Plataforma Queremos Galego”, por promover esta acción de protesta.

A maiores, lembrou que, no seu día, “houbo unanimidade á hora de elaborar a ordenanza”. “Houbo unanimidade tamén do seis grupos políticos á hora de recorrer ao Supremo esta situación e seguimos manifestando nosa defensa do noso idioma, nun momento en que hai un retroceso tanto a nivel oral como escrito do uso do galego”, dixo. “Entendemos que está en risco (o galego) e hai que tomar medidas, e a ordenanza ía orientada nese sentido de pór en valor seguir defendendo o uso do galego como lingua propia que é da nosa comunidade autónoma, como aceno de cultura, como aceno de pobo”, engadiu.

UN “PLUS” PARA A LINGUA MÁIS DELICADA

Lara Méndez reivindicou a coexistencia das dúas linguas, “pero” que “aquela que está nunha situación máis delicada teña ese plus e esas medidas que contribúan a paliar esta situación e a seguir fomentando o uso do galego a todos os niveis”. “Nesta loita seguiremos”, resolveu.

Varios membros do BNG tamén participaron na protesta, como Bieito Lobeira, e o parlamentario e exalcalde de Boimorto ‘Mini’ Rivas, ademais do portavoz municipal, Rubén Arroxo.

En declaracións aos medios, Mini Rivas enunciou que non se trata de “status xurídicos” senón “do dereito como habitantes deste país a falar e utilizar esa fala con todas as consecuencias e en todas as situacións”.

Non caben máis disquisicións, nin historias. A xente que peiteamos canas, e temos anos encima, lembramos este país cando falar galego á parte de ser unha cuestión de clase, era unha cuestión de vergoña. Iso pasou, ou debería de pasar aínda que parece que para o PP e outras xentes non pasou. Vai sendo hora de que se quiten esa vergoña e que fagan forza, fagamos todos forza, para que este idioma que nos foi legado teña presenza xurídica, real, teña presenza normal nun país normal que debemos de ser”, finalizou o deputado nacionalista.

ÚLTIMAS

Autorizado un novo parque eólico entre Castroverde, Castro de Rei e Pol

A Xunta concedeu a autorización ambiental ao parque eólico Batifol, situado entre os municipios lucenses...

O PP de Lugo critica a “precariedade” do servizo municipal de bombeiros

O Partido Popular de Lugo advertiu da falta de bocas de incendio no polígono...

Acusacións entre PSOE e PP de Lugo por falta de unanimidade nunha votación

A reunión da Comisión de Suxestións celebrada este xoves no Concello de Lugo terminou...

Deputación e Concello de Lugo estiman que as obras da avenida Infanta Elena rematarán entre outubro e novembro

As obras de desdobramento do último tramo da avenida Infanta Elena de Lugo terminarán...