InicioPolíticaPerigan os hospitais comarcais de Lugo logo do acontecido no paridoiro de...

Perigan os hospitais comarcais de Lugo logo do acontecido no paridoiro de Verín?

O pleno provincial celebrado est martes 28 centrouse na cuestión da sanidade, feito que contribuíu a crear un ambiente moi preelectoral. O PSdeG trasladou a súa inquedanza pola posible extensión de recortes hospitalarios na provincia de Lugo, algo que o PP rexeitou, ao tempo que enumeraron as supostas melloras desenvolvidas durante este decenio.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A situación da sanidade pública galega centrou boa parte do pleno provincial celebrado este martes 28 de xaneiro. Os reproches que voaban dunha bancada á outra crearon un ambiente de debate totalmente preelectoral. Os ‘cando vostedes gobernaban…’ contrapoñíanse continuamente aos ‘durante o noso goberno…’ E, así, íanse cruzando as acusacións e as responsabilidades agochadas tras a situación actual do sistema sanitario galego.

Mentres o PP presume de investimento e constantes melloras durante os dez anos de goberno de Feijóo, o PSOE e o BNG enumeran recortes e exemplos de privatización. Por exemplo, se os deputados populares alardeaban de “listas de esperas moi reducidas”, Efrén Castro (BNG) preguntábase como é posible que “se teña que agardar un ano para unha consulta simple”. 

“É falso que haxa recortes nos recursos e nos orzamentos”, afirmaba Javier Castiñeira (PP), antes de enunciar unha serie de melloras que, ao seu parecer, emprendera a Xunta durante o último decenio. “Déixense de politizar a sanidade, que é o que fan sempre que hai eleccións. Nunca lles sae ben”, engadía o popular, algo ao que axiña contestaba a socialista Pilar García Porto: “Na sanidade tamén hai que tomar decisións políticas. E as do PP non parecen as máis atinadas”.

“PÚIDOSE FACER MELLOR”

Precisamente, García Porto concretou a cuestión da sanidade: “Vendo o que aconteceu co paridoiro de Verín, tememos pola saúde dos hospitais comarcais da provincia. Vanse estender eses recortes ao hospital de Monforte e ao de Burela?“, inquiriu. Ao tempo, pediu un “mapa sanitario racional que prime a igualdade independentemente do territorio”.

“O problema de Verín é que non había pediatras. Non hai pediatras que queiran vir ao rural”, lamentou Javier Castiñeira (PP). “Será porque están destrozando ese rural”, retrucou o deputado nacionalista Efrén Castro, que lle censurou as “continuas contradicións” ao PP.

“Se ves o teu veciño as barbas afeitar, pon as túas a remollar”, dicía a fío diso García Porto, botando man do refraneiro popular. Para ela, son moitas as mostras de “ameaza” á sanidade pública no rural. Critica que a Xunta aposte por unha “recentralización” que leva canda si “sobrecargas” nos principais hospitais.

Segundo o PP, o modelo a seguir nos hospitais comarcais “é o de seguir mellorando, como se fixo ata o de agora”, asegurou. “Estes hospitais non deixaron de ter máis prestacións”, sostivo. Se ben admitiu erros na xestión do paridoiro de Verín —“púidose facer mellor”—, rexeitou que esa situación se puidese dar na provincia de Lugo.

ÚLTIMAS

Besteiro e Lara Méndez buscan fechar o baleiro de poder no PSdeG de Lugo tras a marcha de Tomé

A dimisión do alcalde de Monforte, José Tomé, como presidente da Deputación de Lugo...

O PP de Lugo reclama “menos impostos e máis apoio para quen traballan” ante unha caída “xeneralizada de autónomos”

Os senadores do PP lucense José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano...

Catro axentes sacan a pulso un home que estaba en perigo na ponte de Carballedo

A Garda Civil informou dunha intervención humanitaria na presa de Os Peares, no termo...

Detido en Lugo por atracar dúas veces no mesmo día a un vendedor do ONCE

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Lugo detiveron a un home como presunto...