A Deputación de Lugo aproba definitivamente os seus orzamentos para 2020, que ascenden a 92 millóns de euros

Un 33 por cento (30 millóns) van destinados a políticas sociais.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé.

A Deputación de Lugo conta desde este sábado con orzamentos en vigor para o ano 2020 despois de que Boletín Oficial da Provincia (BOP) publique definitivamente as contas unha vez superado o período de exposición pública sen que se presentasen alegacións.

Deste xeito, a corporación provincial que encabeza o socialista José Tomé ten desde este sábado un orzamento para o exercicio de 2020. As contas ascenden a 92 millóns de euros, dos que un 33 por cento (30 millóns) van destinados a políticas sociais.

O presidente da Deputación destacou que as contas “están pegadas á realidade da provincia e aplica a través da cooperación cos concellos políticas progresistas para favorecer a cohesión social, o equilibrio territorial e o impulso da economía e o emprego, mantendo ao mesmo tempo a consolidación e a solvencia da Deputación en termos económicos e financeiros”.

Dentro dese terzo do orzamento que se dedica a partidas “sociais”, 9 millóns irán parar ao financiamento das residencias dos concellos de Pol, Trabada e Ribadeo, así como para a apertura das da Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita do Cebreiro.

Outros 5 millóns irán destinados a políticas de emprego e 2,6 millóns a gastos de educación, dos que máis da metade están dedicados ao Centro de Formación do Servizo de Audiviosuais.

O Plan Único a través do cal a Deputación financia os concellos terá unha asignación duns 20 millóns de euros. Estes provirán dos 11,2 millóns previstos nos orzamentos e a previsión de engadir remanentes procedentes doutros exercicios.

A mobilidade, segundo destaca o propio presidente provincial, é outro dos eixos das contas deste ano, xa que se dedican 14 millóns de euros en operacións de mantemento e conservación da rede viaria, obra nova e renovación do parque móbil.

Por último, os orzamentos de 2020 da Deputación de Lugo tamén reservan 2 millóns de euros en impulso para os sectores produtivos e outros 2,4 millóns para investimentos en turismo.