InicioMedioambiente e PatrimonioColectivos de Cervantes piden declarar BIC o castro de Santa María

Colectivos de Cervantes piden declarar BIC o castro de Santa María

Os promotores argumentan que o castro, anexo a xacementos de varias épocas, é un símbolo de Cervantes e dos Ancares

PUBLICADA O

- Advertisement -

Non é a primeira vez que o castro de Santa María é proposto para acadar a categoría de Ben de Interese Cultural (BIC). A finais da década pasada, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural iniciou o procedemento correspondente, canda a outros dezaoito asentamentos. Mais aquel expediente quedou esquecido e agora son os colectivos da vila, nomeadamente Patrimonio dos Ancares e a ANPA do CPI Cervantes, os que lideran a reivindicación.

A fin desta iniciativa é dobre. Primeiro, téntase de valorizar o patrimonio local para loitar contra o despoboamento. E segundo, hai interese por completar o estudo do castro de Santa María, o único parcialmente escavado dos 140 existentes na comarca dos Ancares. A solicitude de incoación de expediente foi xa presentada perante a Consellería de Cultura e Turismo, do que tamén se deu conta ao Concello.

Devandito asentamento está considerado un dos activos patrimoniais de meirande relevancia histórica, clave na formación da identidade do lugar. Sobre o castro de Santa María, situado á beira do Quindous, érguense a igrexa parroquial de orixe románica, o cemiterio baixomedieval –contabilízanse cincuenta e seis tumbas antropomorfas, moitas con restos óseos–, e a casa reitoral.

Diversas intervencións arqueolóxicas parciais (1995, 1996 e 1999) acharon, entre outros vestixios, vinte e seis construccións domésticas separadas por pequenas rúas, algunhas en lousa, canles e desaugadoiros, escadas e despensas de pedra. Varias vivendas constan dun piso principal e un faiado. Outros restos etnográficos commprenden muíños de man, moedas romanas, follas de coitelo, anacos cerámicos, machados e cravos.

Como explican dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares, o castro de Santa María foi habitado entre o ano 50 a. C. e o século II d. C., no período de transición do mundo prerromano ao romano. A importancia do xacemento reside en que forma parte da cunca do río Navia, rica en recursos auríferos, o que explica por que foi ocupado polos romanos. Nun radio inferior a un quilómetro hai varios sitios arqueolóxicos vencellados, entre outros sete explotacións mineiras e o asentamento de Castrillón.

A limpeza levada a cabo en 2009 reflicte o interese científico do asentamento castrexo, apenas explorado nun 25 por cento. O castro de Santa María pode achegar datos sobre a transición das culturas prerromanas e a historia da minaría. Por outra banda, atópase nun territorio virxe, a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, clasificado Zona de Especial Conservación, Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) e Zona de Protección do Oso Pardo.

A Montaña de Lugo, un motor para o turismo histórico e patrimonial

ÚLTIMAS

O PSdeG propón á alcaldesa de Burela para presidir a Deputación de Lugo tras a dimisión de Tomé

O comité provincial do PSOE por Lugo propuxo á deputada e alcaldesa de Burela...

A comunidade venezolana de Lugo convoca unha concentración pola “liberdade” do país

Colectivos de cidadáns venezolanos e sindicatos convocaron este sábado concentracións en Lugo despois de...

PP pregunta a BNG se acepta os votos de Tomé e García Porto para seguir na vicepresidencia da Deputación

O portavoz do PP na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide, esixiu este venres á...

Falece un home tras ser atropelado por un camión no rural de Lugo

Un home faleceu este venres en Lugo tras ser atropelado por un camión. Segundo...