Colectivos de Cervantes piden declarar BIC o castro de Santa María

Os promotores argumentan que o castro, anexo a xacementos de varias épocas, é un símbolo de Cervantes e dos Ancares

Castro de Santa María, en Cervantes | Colectivo Patrimonio dos Ancares
Castro de Santa María, en Cervantes | Colectivo Patrimonio dos Ancares

Non é a primeira vez que o castro de Santa María é proposto para acadar a categoría de Ben de Interese Cultural (BIC). A finais da década pasada, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural iniciou o procedemento correspondente, canda a outros dezaoito asentamentos. Mais aquel expediente quedou esquecido e agora son os colectivos da vila, nomeadamente Patrimonio dos Ancares e a ANPA do CPI Cervantes, os que lideran a reivindicación.

A fin desta iniciativa é dobre. Primeiro, téntase de valorizar o patrimonio local para loitar contra o despoboamento. E segundo, hai interese por completar o estudo do castro de Santa María, o único parcialmente escavado dos 140 existentes na comarca dos Ancares. A solicitude de incoación de expediente foi xa presentada perante a Consellería de Cultura e Turismo, do que tamén se deu conta ao Concello.

Devandito asentamento está considerado un dos activos patrimoniais de meirande relevancia histórica, clave na formación da identidade do lugar. Sobre o castro de Santa María, situado á beira do Quindous, érguense a igrexa parroquial de orixe románica, o cemiterio baixomedieval –contabilízanse cincuenta e seis tumbas antropomorfas, moitas con restos óseos–, e a casa reitoral.

Diversas intervencións arqueolóxicas parciais (1995, 1996 e 1999) acharon, entre outros vestixios, vinte e seis construccións domésticas separadas por pequenas rúas, algunhas en lousa, canles e desaugadoiros, escadas e despensas de pedra. Varias vivendas constan dun piso principal e un faiado. Outros restos etnográficos commprenden muíños de man, moedas romanas, follas de coitelo, anacos cerámicos, machados e cravos.

Como explican dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares, o castro de Santa María foi habitado entre o ano 50 a. C. e o século II d. C., no período de transición do mundo prerromano ao romano. A importancia do xacemento reside en que forma parte da cunca do río Navia, rica en recursos auríferos, o que explica por que foi ocupado polos romanos. Nun radio inferior a un quilómetro hai varios sitios arqueolóxicos vencellados, entre outros sete explotacións mineiras e o asentamento de Castrillón.

A limpeza levada a cabo en 2009 reflicte o interese científico do asentamento castrexo, apenas explorado nun 25 por cento. O castro de Santa María pode achegar datos sobre a transición das culturas prerromanas e a historia da minaría. Por outra banda, atópase nun territorio virxe, a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, clasificado Zona de Especial Conservación, Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) e Zona de Protección do Oso Pardo.

A Montaña de Lugo, un motor para o turismo histórico e patrimonial

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here