Despois da decepcionante reunión cos gandeiros no mes de setembro, a Xunta está decidida a aumentar as contías das axudas para paliar os danos ocasionados polo xabaril e o lobo nas explotacións agrogandeiras. Así o avanzou a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, en reunión cos alcaldes da serra do Xistral.
O departamento autonómico comprometeuse este luns a ofrecer axudas por importe de 1,4 millóns de euros. A diferenza do acontecido no presente 2018, o goberno galego inclúe a convocatoria de subvencións para métodos de prevención dos ataques do lobo nos Orzamentos de 2019, e non só compensacións polos danos ocasionados.
Así, a Xunta habilitará unha liña para os danos causados polo xabaril –800.000 euros–, para o lobo –350.000–, e outra para previr os efectos da fauna silvestre en conxunto, que dispón 300.000 euros.
As reivindicacións dos alcaldes do Xistral
Os rexedores de Abadín, O Valadouro, Ourol, Muras e Xermade explicaron a situación “desesperada” dos gandeiros, que ven como o número de cabezas de gando cabalar na zona está a minguar polos ataques do lobo. Ademais, resposabilizan ao xabaril de danos nos cultivos e de ser “portadores da tuberculose que está a afectar ao gando vacún”, segundo expón o alcalde do Valadouro, Edmundo Maseda.
Os alcaldes reuníranse con anterioridade para examinar os problemas da gandería na serra do Xistral, onde predomina a libre estabulación. Tres cuestións centran o discurso dos responsables locais. A primeira é a necesidade de axilidade para avaliar os danos causados polo lobo, “como moi tarde vinte e catro horas despois do ataque”. É o único xeito, advirten, de evitar a corrupción ou desaparición dos restos das cabezas de gando vítimas dos ataques.
A segunda demanda é incrementar as axudas de Medio Rural para prevención dos ataques do lobo, para o levantamento de peches ou a compra de mastíns. E en terceiro lugar, solicitan un censo das mandas que permita tomar decisións ben informadas na xestión do cánido. Investigadores e asociacións animalistas argumentan que a fragmentación das familias do lobo e a desaparición do cabalo de monte provocan un comportamento máis agresivo do predador.
Os rexedores cren que é necesaria “unha discriminación positiva” para os habitantes que sofren as consecuencias dunha riqueza faunística que ninguén cuestiona. “Temos que convivir, bestas, lobos e seres humanos –reclama Maseda–. O Xistral é o hábitat de todos”.