InicioSociedadeUn epidemiólogo vilalbés: "O risco de rebrote é evidente; agora hai que...

Un epidemiólogo vilalbés: “O risco de rebrote é evidente; agora hai que ver con cantos casos podemos convivir”

Alberto García Basteiro explicou nunha entrevista na Radio Galega que o obxectivo final non debe ser a inmunidade de grupo, porque iso suporía admitir que hai un 1 ou 2% da poboación que ten que morrer. Ao seu ver, se as medidas de contención se aplicaran "cinco ou seis días antes", a situación sería moi distinta.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Alberto García Basteiro é un epidemiólogo nado en Vilalba, referente no seu eido. Actualmente reside en Barcelona, onde traballa no Hospital Clínic. É investigador no Instituto de Saúde Global de Barcelona e no Centro de Investigación en Saúde en Manhiça (Mozambique). É, tamén, o coordinador dun estudo de seroprevalencia e ese foi, xustamente, unha das cuestións que tratou este luns nunha entrevista na Radio Galega a fío do coronavirus. “O obxectivo non debe ser a inmunidade de grupo”, pensa, “tendo en conta a letalidade do virus, iso significaría admitir que ten que morrer un 1 ou 2% da poboación”.

Nunha conversa no programa Galicia por diante [pódela escoitar enteira aquí], Gª Basteiro respondeu a preguntas do presentador Kiko Novoa respecto da incidencia desta enfermidade e as medidas que se implantaron en España. “Reaccionamos tarde, pero as medidas foron contundentes, agresivas e necesarias. Aínda así, estamos falando de días, non de semanas. Se actuaramos catro, cinco ou seis días antes, a situación epidemiolóxica sería moi diferente“, concretou.

A MÁSCARA: SI OU NON?

Agora só queda, di, avanzar pola desescalada “moi pouco a pouco”. “Estamos no bo camiño e as cifras así o din”, asegura. Entende que o alivio das medidas comprende un risco de rebrote, pero “os que toman as decisións teñen que conxugar a posibilidade dun aumento de casos con indicadores macroeconómicos”. Para el, é “evidente” que vai haber un rebrote. “Ninguén se debe estrañar cando iso pase”, aínda que agarda que sexa “moi, moi progresivo”. Agora “temos que ver con cantos casos pensamos que podemos convivir”. 

Segundo lle explicou aos oíntes do Galicia por Diante, iso sempre deberá ir paralelo ás medidas de hixiene e protección. Na entrevista, este epidemiólogo vilalbés mostrouse convencido da necesidade de obrigar a usar a máscara en calquera espazo público pechado. Con todo, confesou “ter dúbidas” sobre a obrigatoriedade desta medida en espazos abertos, como as rúas.

Na conversa tamén xurdiu o asunto da inmunidade. Galicia é unha das comunidades nas que se demostrou unha exposición mínima ao virus. Débenos preocupar iso? Sería mellor que tivera circulado máis? “A estratexia non pode ser que se vaia infectando a xente, senón tentar que a mínima proporción da poboación se infecte mentres agardamos por un tratamento eficaz”, explicou este médico.

ENFERMIDADES NUN MUNDO GLOBALIZADO

De cara ao futuro, agarda que isto nos sirva para aprender dos erros. “Había cousas que non estaban ben. O sistema de saúde non tiña as capacidades necesarias para enfrontarse a unha pandemia destas características; había infraestruturas de saúde pública e vixilancia epidemiolóxica que non estaban actualizadas tecnoloxicamente nin con suficientes recursos humanos”, exemplifica. Ademais, o vilalbés García Basteiro cre que pecamos ao non entender que vivimos nun mundo globalizado: “Non terminamos de crer que unha enfermidade de calquera parte do mundo pode estar en calquera outra parte da Terra en 24 horas”, conclúe.

+ posts

ÚLTIMAS

Candia e a tránsfuga Reigosa presentan a moción de censura

A moción de censura que arrebatará o goberno de Lugo ao bipartito de PSOE...

Moción de censura: O goberno local aluda á “indignación popular” contra a moción do PP

A presidenta provincial do PP de Lugo e portavoz municipal na cidade, Elena Candia,...

María Reigosa non se presentará á praza de Litoral que vinculan ao seu apoio á moción de censura

A edil exsocialista do Concello de Lugo María Reigosa asegurou que non se presentará...

A Deputación inviste en Meira máis de 200.000€ para as obras en tres estradas

A Deputación vén de iniciar as obras de mellora do firme en tres estradas...