A Xunta de Galicia recupera as axudas para prevención dos danos causados polo lobo e o xabaril nas explotacións agrogandeiras. Este era o obxectivo de mínimos do sector, logo dun 2018 en que tiveron que afrontar estas medidas con prezos en caída, e cun terzo das solicitudes de axuda de 2017 sen atender.
Así, o executivo autonómico adica 350.000 euros para compensar os efectos do lobo, e 811.000 euros no caso do xabaril, ademais dunha terceira liña de prevención de danos por 300.000 euros, que sairá o 8 de xaneiro. A contía para prevención é un 20 por cento superior á de 2016, data da última convocatoria desta clase de axudas. A cifra total, 1,4 millóns de euros, corresponde ao compromiso de Medio Ambiente cos alcaldes do Xistral.
Novidades nas axudas para paliar os ataques do lobo
A orde de axudas por danos de lobo (350.000 euros) compensará o aborto que sufran as reses, no caso de que sexan atacadas por un lobo e sobrevivan ao ataque, pero que a consecuencia do mesmo perdan a súa cría. A cantidade compensatoria por cada aborto corresponderá a un 75 % do valor (tendo en conta a clase e idade) no caso de especies de gando ovino e cabrún e dun 50 % do valor no caso do resto das especies de gando. No caso de parto múltiple, compensarase por cada un dos animais abortados.
Esta contía sufragará os danos denunciados a través do 012 e constatados entre o 1 de outubro de 2018 ata o 30 de setembro de 2019. OVICA reclamaba que os axentes forestais levantasen expediente logo de cada ataque, tomando nota dos danos, e revisando os métodos instalados para determinar, antes da comisión de danos, cales foron as causas e como se podería incrementar a protección.
A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, destacou que o importe destas axudas increméntase nun 30 % cando afecte a gando pertencente a explotacións gandeiras sitas naqueles concellos que sofren máis danos; e nun 10 % no caso daquelas granxas nas que se comprobe a aplicación de determinadas medidas preventivas fronte aos ataques do lobo.
Maior presión sobre o xabaril
Do Campo indicou que en 2018 se introduciu “a posibilidade de autorizar batidas con fins preventivos en determinadas zonas conflitivas” nas que se constan danos reiterados. Tamén se aplican medidas específicas en determinados espazos naturais, para o seguimento das poboacións de xabaril mediante fototrampeo, e do emprego de métodos selectivos de captura (gaiolas trampa), ao non estar nestas zonas permitida a caza.
A directora xeral de Patrimonio Natural indicou que o goberno galego está a traballar na elaboración dunha norma autonómica para regular a comercialización da carne de caza maior silvestre, “como medida de impulso do aproveitamento cinexético das pezas abatidas”.
Así, a Xunta promove un decreto que conterá a regulación sanitaria para a introdución na cadea alimentaria das pezas de xabaril abatidas durante as cacerías (tanto dos xabarís cazados durante o período hábil de caza como os abatidos por danos). Segundo as cifras que manexa a Dirección Xeral de Patrimonio, na última tempada de caza capturáronse case 16.200 exemplares en case 21.400 batidas autorizadas.