ALICIA CASAS | A presenza do cabalo no monte galego é unha ferramenta natural e prolongada para previr os incendios e implica que haberá menos ataques do lobo ao gando estabulado. Sen embargo, a perda dos usos tradicionais do cabalo e as dificultades burocráticas poñen en dúbida o futuro do ecosistema. Antón Vázquez Corral, director técnico da asociación de Cabalos de Pura Raza Galega, fala con GaliciaConfidencial para reivindicar o papel do gandeiro e identifica a situación dos cabalos cun mal moito maior: a desaparición do rural.
Unha relación ancestral, única, é a das mulleres e homes do noso país cos seus cabalos. Porque cando os cabalos perdían o seu hábitat, alá cando rematou a última glaciación, os únicos exemplares que sobreviviron foron aqueles que perderon a súa condición de animal salvaxe e foron domesticados. Comezaban a depender do ser humano: das queimas, das rozas, do pastoreo. Así que os cabalos salvaxes non son salvaxes, son bravos. Se non hai gandeiros, non hai cabalos. E até hai pouco “se tiñas un cabalo, tiñas un animal importante” pero xa non.
E é que no 1900 se falaba duns 100.000 cabalos, no 1980 había censados con microchip sobre 21.000, e agora mesmo haberá censados sobre 18.000. Así o explica Antón Vázquez Corral, director técnico da asociación PURAGA (Cabalos de Pura Raza Galega), matizando que o censo de 1980 se cadra “non dicía todos os que había ” porque “o cabalo hai dez ou 15 anos tivo un baixón espectacular debido a que entrou a normativa de identificación por microchip”. A esta impresión, di, súmase outra: “o cabalo é o primeiro síntoma dun mal moito maior, e é que está desaparecendo o rural en xeral”.
Porque para xestionar cabalos en liberdade fan falta moitas persoas e iso xa non o hai. Antón Vázquez concreta que no Xistral, onde antes había mil cabalos, agora hai cen. O que si hai, sinala, son eucaliptos: “porque moita xente abandona a actividade e se ti quitas o cabalo do monte, o monte vólvese bosque”.
Os cabalos son “unha desbrozadora natural”. Unha ferramenta sustentable, económica e prolongada para previr os incendios: “un cabalo come 21 quilos de forraxe diario, máis o que pisa”. Se se conservaron até o de agora, di Antón Vázquez, foi precisamente porque fan unha función para as explotacións. Van limpando as praderías, son capaces de dixerir plantas moi leñosas. É dicir, o toxo, alimento do cabalo, é unha especie inflamable e gran parte dos incendios de Galicia están xustamente relacionados co abandono do monte e a acumulación de biomasa. “O cabalo e a vaca son complementarios no monte, o que come un non o come o outro; o cabalo come moi ben o toxo e a vaca come moi ben a queiruga, os brezos”, sinala.
De novo, o director técnico de Puraga insiste: “o papel dos gandeiros é importante porque eles antes de comelo todo seguen camiñando, entón debes orientalos para que realmente limpen ben”. Ademais, cada certo tempo “o gandeiro ten que desbrozar para que volva saír pasto fresco. “En xeral, se tes un gandeiro tes un bombeiro”, conclúe. Pero a importancia das bestas non se cingue só á prevención dos incendios, á limpeza dos montes. Grazas á poboación de cabalos “temos unha poboación moi boa de lobo e de voitres en Galicia”. Tamén maior diversidade de microhábitats, xa que as matogueiras pastoreadas polos animais teñen en xeral maior biodiversidade.
Antón Vázquez recorda como, hai dez ou quince anos, a normalización destes animais supuxo que se venderan “camións e camións de cabalos”. Porque cando entrou a normativa de identificación por microchip o problema foi de dous tipos. Dunha banda, explica que ao comezar a contar estes animais moitos gandeiros duplicaban ou triplicaban a súa carga gandeira e perdían as axudas da PAC (Política Agraria Común), polo que se desfixeron deles. E doutra banda, a xente que non estaba profesionalizada comezou a deixalo porque “as compañías aseguradoras non aseguraban cabalos que estiveran ceives nos montes”.
Así que “durante seis ou sete anos os poldros non valían nada” pero agora “ao haber menos están empezando a coller prezo”. Prezos baixos que roldan os 150 euros por poldro, pero rendibles. Dende Puraga deseñaron un prototipo racial de cabalo galego “coa finalidade de que a xente puidera cobrar a curto/medio prazo unhas subvencións por criar cabalos dunha raza en perigo de extinción”. E adicaron esforzos a domar cabalos para que se puideran vender como cabalos de deporte. Apostaron tamén pola liña de carne e buscaron a vertente turística, o valor paisaxístico. Porque “a fin de contas o gandeiro ten que cobrar, senón de puco me serve a min que a xente veña ver os cabalos no medio dos montes se ao final eu non podo vivir”.
RAPAS
O único momento no que se exerce dominio sobre as bestas, que viven en liberdade no monte, é o día do curro: as famosas rapas nas que se lles cortan as crinas e se separan os poldros para diferentes usos. E é que dende Puraga sosteñen que conservar o Cabalo Pura Raza Galega non pode significar manter un conxunto de animais dun xeito artificial:”todas as razas autóctonas de todo o mundo pérdense en canto se perde o seu sistema de cría tradicional”, afirma Antón Vázquez. Porque “é para iso para o que están adaptados”.
“Cando estás no chan tes que ter coidado máis que polo dano que fagas pola impresión que causas, porque que lle dés unha patada co puntapé a un cabalo deitado non o vai mancar, pero tampouco tes que por que darlle. Tes que respectar a nobreza do animal”
Pero as rapas están a ser cuestionadas. Hai quen ve nelas sufrimento innecesario e inxustificable. Sobre a polémica, di o director técnico de Puraga que si: “as rapas poderíanse simplificar e minimizar moito”. Tamén cre que “os gandeiros pouco a pouco van entendendo que non se poden facer cousas que se facían antes”. Que non é necesario marcar aos cabalos cortando as orellas nin é necesario pegar cun pao, porque ademais “a forza habitualmente non é polo que funcionan”. Tamén expresa que, aínda que hai “rapas e rapas”, se avanzou moito. Por exemplo, di, hai sitios nos que marcan con nitróxeno líquido e non con lume quente.
E hai algo que engade: “os xornalistas e os turistas, sobre todo de canto máis lonxe mellor, sacan as fotos cando estás aí co ferro quente e marcando”. Sobre o espectáculo en si, sinala que é un espectáculo básico de forza que habería que controlar. “Cando estás no chan tes que ter coidado máis que polo dano que fagas pola impresión que causas, porque que lle dés unha patada co puntapé a un cabalo deitado non o vai mancar, pero tampouco tes que por que darlle. Tes que respectar a nobreza do animal”, conclúe.
LOBO E CABALO
Un dos maiores espectáculos salvaxes da Europa occidental está nos nosos montes. É a relación lobo-cabalo, a relación depredador-presa. Porque a principal e preferida comida do lobo é o cabalo, e un monte con cabalos implica que haberá menos ataques ao gando estabulado: o poldro é o 50% da dieta do lobo. Unha relación de orixe ancestral que é, ao tempo, un “asunto de reunión polo que a xente se volve tola”.
Pero para Antón Vázquez “o lobo non é o principal problema do gandeiro” aínda que “si que é certo que nalgunhas zonas concretas hai gandeiros que deixaron de ter gando por culpa do lobo”. O principal problema, para el, está nas complicacións á hora de cobrar as indemnizacións. Por iso, o que propoñen dende Puraga é que haxa axudas directas: “o que pedimos foi que non se fixera o pago cando aparecera o cadáver, senón que se cumpres unha serie de requisitos cobres uns cartos soamente como elemento de convivencia co lobo”.
Se ben recoñece que nos últimos 50 anos o lobo está a aumentar, non considera que sexa unha praga. E sobre as batidas, afirma: “quen o ten que decidir é un técnico que faga un estudo e poida dicir cantos lobos se poden matar, se é que se pode matar algún; porque senón tamén o que están a facer son prácticas furtivas“. Tamén matiza: “non é que sexan mafiosos ni moito menos, é que están defendendo o que é deles”. Ademais, apunta a que estas batidas non son efectivas e suxire que o que habería que facer son “esperas a lobos concretos que están a comer o gando”. Que é unha forma de non molestar ao resto da fauna e non facer un “escándalo”.
FUTURO DA CADEA
Recordou Antón Vázquez Corral que a Segunda Guerra Mundial comezara con cabalería e acabara coa bomba atómica, e é que os cambios socioeconómicos da segunda metade do século XX afectaron profundamente á paisaxe rural galega. O cabalo, o máis probable, non volverá ser como era medio de transporte. E os usos tradicionais que desapareceron, as crinas para cordas ou pinceis, tampouco volverán. Mais nos últimos anos os cabalos están volvendo a coller prezo, baixo pero rendible. Haberá que agardar para ver o futuro desta cadea incerta de valor cultural e ecolóxico.