InicioMovementos sociaisPiden axilidade para evitar casos coma o abandono do can de Guitiriz

Piden axilidade para evitar casos coma o abandono do can de Guitiriz

As asociacións gaban o ton e o interés do concello chairego, pero lembran a responsabilidade sobre a protección contra o maltrato animal

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Asociación Animalista Libera recibiu este mércores aviso dun posible caso de maltrato animal en Guitiriz. As veciñas e veciños da localidade chairega alertaron da presenza dun can abandonado, cunha das patas dianteiras practicamente mutilada. A ferida puido ser causada polo trato neglixente das persoas responsables do cánido.

Logo da advertencia, os servizos xurídicos da Fundación Franz Weber puxéronse en contacto co Concello de Guitiriz para acadar unha solución rápida, que pasaría polo rescate do can e o seu inmediato tratamento veterinario. Esta é a fórmula que contempla a nova Lei de Benestar Animal de Galicia.

O goberno local trasladou a estes colectivos animalistas que os servizos municipais levan días tratando de capturar a este can doméstico, para proporcionarlle os coidados necesarios e activar, en caso de ser posible, o seu proceso de adopción para ofrecerlle unha vida mellor.

Dende Libera e a FFW gaban a premura da resposta e o ton empregado polo executivo de Guitiriz, aínda que lembran que a normativa vixente obriga a todas as entidades locais ou mancomunadas a contar cun servicio de auxilio e acollida para os animais abandonados ou extraviados. Esta competencia estaba incluída xa na norma de protección animal derogada.

As asociacións a prol dos animais censuran que na provincia de Lugo existe un importante número de concellos que carecen do preceptivo servizo. Asemade, rexeitan frontalmente o formato da canceira que a Deputación provincial ten previsto abrir en Monforte de Lemos, que cualifican de “macrocanceira”.

Os animalistas propoñen a reestruturación dos fondos para financiar centros máis pequenos, mancomunados e conveniados coas organizacións non gubernamentais. Segundo anunciou a Deputación, a canceira de Monforte terá espazo para 150 exemplares e prestará servizo a 21 municipios do sur de Lugo.

Libera e a FFW subliñan que este modelo é máis propio para o almacenamento que para un centro de acollida de animais abandonados. Estas asociacións sinalan os problemas existentes no centro homólogo de Ourense, tamén financiado pola administración provincial. No canto dunha gran canceira pública, abogan por imitar as políticas das deputacións da Coruña e de Pontevedra, con liñas de subvencións para que as protectoras locais poidan asumir esta xestión coa mellora das instalacións propias.

Segundo explican estes colectivos, a fórmula pensada para o sur da provincia de Lugo non aborda a necesidade de sensibilizar á cidadanía, ao contrario do que sucede noutras provincias onde as campañas informativas son regulares. Libera e FFW aseguran que as imaxes do can de Guitiriz ás que tiveron acceso son “dantescas”, e obrigan a un debate sobre o trato responsable e a atención aos animais alén da provincia lucense.

ÚLTIMAS

Falece unha persoa ao caer co seu coche ao río no centro de Sarria

Unha persoa perdeu a vida na tarde deste venres tras sufrir un grave accidente...

O Goberno adxudica o proxecto para construír 13 vivendas de aluguer alcanzable en Pedrafita do Cebreiro

Casa 47, a Entidade Estatal de Vivenda adscrita ao Ministerio de Vivenda e Axenda...

A exsocialista Reigosa volve apoiar unha enmenda do PPdeG, aínda que apoiou os orzamentos para 2026

O pleno municipal extraordinario celebrado este venres en Lugo deu o visto e prace...

O Concello de Lugo pide evitar as zonas inundables ante a crecida do Miño

O Concello de Lugo realizou este venres un chamamento á cidadanía para que evite...