InicioPolíticaA Deputación de Lugo rexeita unha moción do PP para impedir o...

A Deputación de Lugo rexeita unha moción do PP para impedir o pagamento da defensa xurídica de Tomé

O debate derivou nun duro cruzamento de acusacións arredor da situación xudicial de José Tomé, quen negou ter pedido que a institución asumise a súa defensa.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O pleno da Deputación de Lugo viviu este martes un intenso debate a raíz da moción presentada polo Grupo Provincial Popular para impedir que a institución provincial asuma os gastos de defensa xurídica de cargos políticos ou persoal acusado de delitos sexuais ou de actuacións que vulneren os dereitos das mulleres.

A iniciativa, na que tamén interveu o expresidente provincial José Tomé, foi rexeitada cos votos do Goberno e do deputado non adscrito. O voceiro popular, Antonio Ameijide, xustificou a moción asegurando que o presidente da Deputación e alcalde de Monforte, José Tomé, pedira que a institución provincial asumise o custo da súa defensa no procedemento xudicial por un presunto caso de acoso sexual. Segundo indicou, a previsión de gasto ascendería a uns 37.000 euros.

Ameijide reclamou ao PSOE e ao BNG que aclarasen a súa posición e preguntoulles se estaban “do lado dos lucenses” ou se preferían “blindar os intereses particulares de José Tomé”. O voceiro popular chegou a cuestionar se a suposta cobertura deses gastos formaba parte das condicións para o apoio de Tomé á investidura da nova presidenta provincial, Carmela López. Durante a súa intervención, o dirixente popular tamén acusou o PSOE de manter Tomé á fronte da Alcaldía de Monforte e reprochoulle ao BNG “estar disposto a todo por seguir pisando alfombra”. Ademais, cualificou de “hipocrisía” determinadas posturas políticas respecto doutros casos de agresións sexuais.

CARMELA LÓPEZ NEGA QUE EXISTA ACORDO NINGÚN

Pola súa banda, a presidenta da Deputación, Carmela López, rexeitou de forma tallante as acusacións do PP e asegurou que “é rotundamente falso” que exista acordo ningún para sufragar a defensa de José Tomé con fondos públicos. López explicou que non existe “nin acordo da Xunta de Goberno nin resolución” ao respecto e sinalou que o único que hai é unha póliza de seguros de responsabilidade que cobre todos os deputados provinciais, con independencia do seu grupo político.

A presidenta insistiu en que o PP dispuxo dun prazo de dez días para “informarse e pedir máis documentos” e afirmou que calquera decisión sobre unha posible cobertura correspondería exclusivamente á compañía aseguradora. Así mesmo, reprochou aos populares as súas continuas “descualificacións persoais”, en referencia ás acusacións de que sería unha “monicreque” e de que José Tomé seguiría a ser o presidente na sombra. López concluíu asegurando que o PP estaba a construír un “relato político” baseado en acusacións sen fundamento e mentiras.

O BNG NEGA QUE SE VAIA PAGAR A DEFENSA DE TOMÉ

Pola parte do BNG, o deputado Efrén Castro foi igualmente contundente ao negar calquera posibilidade de que a Deputación financie a asistencia xurídica de Tomé. “Non houbo nin vai haber acordo para pagar asistencia xurídica para un deputado”, afirmou Castro, que acusou tamén o PP de mentir. “Non hai nin haberá un só euro da Deputación que vaia pagar esta defensa”, sostivo. O voceiro nacionalista asegurou que a moción popular se sustentaba en informacións falsas e criticou que se tentase “embarrar” o debate político con acusacións sen soporte documental. “O único que hai son mentiras”, sinalou, engadindo que unha proposta baseada nesas premisas carecía de validez.

TOMÉ NEGA TER PEDIDO NADA Á DEPUTACIÓN

O propio José Tomé interveu para defenderse das acusacións. O expresidente provincial asegurou que nunca lle pediu á Deputación o pagamento da súa defensa e que unicamente comunicou unha situación á que, segundo dixo, “ten dereito calquera membro da corporación en virtude da póliza existente”. “Non pedín nada á Deputación, só comuniquei algo ao que teño dereito, igual ca vostede. A póliza é para todos”, manifestou. Tomé acusou Ameijide de actuar “cunha mente manipuladora que trata de enganar sabendo que o está facendo simplemente para sacar rédito político”.

Ademais, mostrouse convencido de que o procedemento xudicial concluirá favorablemente para el porque, afirmou, é inocente. Nese sentido, advertiu os populares de que lles esixirá desculpas cando quede acreditada a súa inocencia tras as reiteradas acusacións realizadas contra el. A moción popular abriu un dos debates máis tensos da sesión plenaria e marcou o final do apartado de asuntos do día antes de pasar á quenda de preguntas.

+ posts

ÚLTIMAS

A Deputación de Lugo aproba o maior orzamento da súa historia: 155,2 millóns de euros para 2027 co voto en contra do PP

A Deputación de Lugo contará en 2027 co maior orzamento da súa historia, cun...

A Fiscalía de Lugo toma cartas no asunto tras as ameazas de bomba en decenas de centros educativos

A Fiscalía Provincial de Lugo abriu de oficio dilixencias de investigación para esclarecer a...

Lugo estrea por fin a súa nova estación intermodal: 49 millóns de investimento e unha reivindicación pendente

Lugo dá un paso importante na modernización das súas infraestruturas de transporte coa entrada...

Feridas dúas persoas nunha colisión entre dous vehículos no Corgo

Os condutores de dous vehículos implicados nunha colisión na estrada N-V, ao seu paso...