A activista lucense Ruth León Gabarri denunciou nas súas redes sociais sufrir un episodio de racismo mentres auxiliaba a un mozo atropelado na avenida de Madrid, á altura do Conservatorio, en Lugo.
Segundo relatou, o accidente produciuse cando un mozo cruzaba correctamente por un paso de peóns, co semáforo en verde para os viandantes. Ao escoitar o golpe, León virouse e achegouse correndo para axudalo. Nese momento, asegura que outra condutora saltou un semáforo e estivo a piques de atropelala tamén.
A activista explicou que fixo un xesto coa man á condutora para advertirlle do sucedido e que esta respondeu chamándoa “xitana de merda”. León subliñou que no vehículo viaxaban, ademais, tres menores de idade.
“Ser xitana non é ningún insulto. O que debería dar vergoña é a falta de respecto, de humanidade e de valores”, reivindicou na súa publicación, na que tamén reflexionou sobre a “falta de empatía” e o comportamento dalgunhas persoas ante situacións de emerxencia.
Ruth León Gabarri foi mediadora intercultural na Asociación de Promoción e Integración Xitana e recibiu o premio Entre Mulleres do Concello de Lugo en recoñecemento ao seu compromiso social.