Home Sucesos Piden dous anos e sete meses de cadea para un home acusado de agresión sexual en Baralla

Piden dous anos e sete meses de cadea para un home acusado de agresión sexual en Baralla

0
Piden dous anos e sete meses de cadea para un home acusado de agresión sexual en Baralla
Edificio dos Xulgados de Lugo.

A Fiscalía solicita unha pena de dous anos e sete meses de prisión para un home acusado de agredir sexualmente a unha muller nunhas cuadras do municipio lucense de Baralla en abril de 2024. A vista previa celebrada este martes concluíu sen acordo entre as partes, polo que o xuízo fixouse para o próximo 15 de abril.

Segundo o escrito de acusación do Ministerio Fiscal, o home está acusado de achegarse por detrás á muller mentres esta traballaba nas cuadras e, presuntamente sen o seu consentimento, agarrarlle os peitos con ambas as mans. Consta que a vítima o apartou inmediatamente para expulsalo do lugar pero o home xustificou o seu comportamento afirmando que, “tiña necesidades que debía satisfacer”.

A Fiscalía considera que os feitos son constitutivos dun delito de agresión sexual apreciando a circunstancia agravante de reincidencia, ao ser condenado previamente por un delito contra a liberdade sexual mediante unha sentenza firme ditada en xuño de 2022 pola Audiencia Provincial de Lugo. Naquela resolución impuxéronselle cinco meses de prisión, cuxa execución se atopaba suspendida.

Ademais da pena de prisión, o Ministerio Fiscal solicita que se lle impoña unha inhabilitación especial durante oito anos para exercer profesións, oficios ou actividades que impliquen contacto regular e directo con menores, ademais de reclamar a prohibición de aproximarse a menos de 100 metros da denunciante, do seu domicilio, centro de estudos, lugar de traballo e outros espazos que frecuente, así como de comunicarse con ela por calquera medio, durante catro anos.

Así mesmo, solicita que o acusado quede sometido a liberdade vixiada durante tres anos unha vez cumprida a pena de prisión, coa obrigación de realizar un curso de educación sexual.

+ posts