Un menor de idade resultou ferido este martes en Lugo tras ser atropelado por un turismo cuxo condutor abandonou o lugar do accidente sen prestarlle axuda. O sinistro produciuse pouco antes das 20.30 horas no cruzamento das rúas Juana la Loca e Camiño Verde, no barrio do Castiñeiro.
O mozo, que circulaba nun patinete eléctrico, tivo que ser trasladado a un centro hospitalario para recibir atención médica. Segundo os testemuños recolleitos no lugar, o vehículo implicado é de cor branca e podería tratarse dun Seat Ibiza ou un Seat León.
A Policía Local de Lugo abriu unha investigación para identificar o condutor e localizar o turismo. De feito, fontes policiais aseguran que están a realizar xestións para dar co seu paradoiro.