Un veciño de Vilalba foi detido pola Garda Civil como presunto autor de roubos en vivendas da Terra Chá de obxectos, como xoias e electrodomésticos, que superan os 30.000 euros de valor. A Garda Civil, no marco da operación Moucho, esclareceu ata o momento 14 roubos cometidos entre os meses de setembro de 2025 e abril de 2026 en casas de núcleos rurais dispersos dos municipios de Vilalba, Abadín, Castro de Rei e zonas limítrofes.
A investigación foi desenvolvida por axentes da Garda Civil da área de investigación de Vilalba tras detectarse un incremento de roubos en vivendas unifamiliares. “O presunto autor seleccionaba vivendas illadas, aproveitando a ausencia dos seus moradores e a escasa presenza de persoas na zona. Tras realizar labores de vixilancia, accedía ao interior mediante o forzamiento de xanelas, portas ou fechaduras, principalmente pola parte traseira ou a planta baixa das vivendas”, explica a Garda Civil nun comunicado.
Entre os efectos subtraídos atópanse: xoias, cobre, grifería, electrodomésticos, vaixelas e outros aveños domésticos. As xoias eran vendidas de forma habitual en establecementos de compravenda de ouro en Lugo; os obxectos domésticos eran comercializados no mercado de segunda man da capital lucense e os metais eran entregados en chatarrerías da localidade de Vilalba.
O pasado martes, 14 de xullo, realizouse un rexistro no domicilio do detido, onde se recuperaron numerosos efectos de suposta procedencia ilícita, cuxo valor supera os 30.000 euros. A Garda Civil continua coas xestións para localizar aos seus lexítimos propietarios e determinar a posible relación do detido con outros feitos delituosos. O detido foi posto a disposición xudicial. A operación permanece aberta e non se descartan novas actuacións policiais.
