InicioSucesosA Fiscalía rebaixa de 21 a catro anos de cadea para o...

A Fiscalía rebaixa de 21 a catro anos de cadea para o principal acusado na Operación Carioca

As dilacións indebidas do proceso, consideradas moi cualificadas, e a atenuante de reparación do dano, motivaron a drástica rebaixa da súa pena

PUBLICADA O

- Advertisement -

A última peza pendente da Operación Carioca, a macrocausa de proxenetismo e trata de mulleres investigada en Lugo durante 16 anos, quedou este mércores vista para sentenza co anuncio por parte da Fiscalía das novas penas solicitadas para o cinco imputados e a rebaixa de case 17 anos na condena interesada para o principal acusado, o cabo da Garda Civil, Armando Lorenzo, que se enfrontaba a 21 anos de presidio e para o que agora piden catro anos e tres meses.

Armando Lorenzo, responsable segundo o escrito fiscal de ofrecer axuda administrativa a mulleres estranxeiras en situación irregular que exercían a prostitución abusando da súa posición de Garda Civil e solicitando a cambio favores sexuais; así como de informar os donos dos bordeis implicados de inspeccións policiais nos seus locais recibindo por iso contraprestacións económicas, estaba acusado nesta peza da Carioca de oito delitos.

Ao máis grave, unha agresión sexual a unha prostituta pola que a Fiscalía solicitaba xa 11 anos de cárcere, sumábanse as acusacións por presuntos delitos –a maior parte deles continuados– de solicitude sexual por funcionario público, abuso sexual, suborno, revelación de segredos, omisión do deber de perseguir delitos, favorecimiento da prostitución e extorsión en grao de tentativa.

As dilacións indebidas do proceso, consideradas moi cualificadas, e a atenuante de reparación do dano, motivaron a drástica rebaixa da súa pena, fixada finalmente nunha petición de catro anos e tres meses de cárcere, aínda que o seu delicado estado de saúde –corroborado mediante informes médicos– evitará o seu ingreso en prisión.

Para os outros tres procesados que na xornada do martes alcanzaran acordos de conformidade coa Fiscalía –os proxenetas José Manuel García Adán (xefe da trama e dono dos clubs de alterne Queens e O Outeiro); Marcos Grandío (dono do club Eros); e Jesús Varela (propietario da Eclipse, en Ribadeo)– a representante do Ministerio Público solicitou, tras a modificación do seu escrito de acusación, penas de multa de entre 1000 e 2000 euros. Todos eles estaban acusados dun delito de suborno pasivo.

Para o último dos imputados, o brigada da Garda Civil, Julio Baquero, no que se centrou o groso da vista celebrada este mércores na Audiencia Provincial ao non selar o seu defensa na xornada previa un acordo de conformidade, a Fiscalía solicitou unha pena de nove meses de prisión –enfrontábase a 19– como presunto autor dun delito de solicitude sexual por funcionario público e outro delito de omisión do deber de perseguir delitos.

“NON TEÑO NADA QUE VER COA CARIOCA”

A pesar de que a segunda e última xornada do xuízo da peza central da Carioca estivo centrada en dirimir a responsabilidade penal de Julio Baquero, imputado na macrocausa desde hai 14 anos, o feito que concentraba máis expectación era o anuncio da modificación das penas solicitadas para o cinco procesados, que a Fiscalía deixara pendente ao termo da sesión do martes.

Houbo que esperar, con todo, oito horas e tres recesos, para que pasadas as 18,00 horas a representante do Ministerio Fiscal dese a coñecer en detalle as novas penas previstas para os procesados.

Antes, na xornada matinal, o Tribunal tomou declaración a seis testemuñas citadas como parte da causa aberta contra Julio Baquero, brigada do Equipo de Mujer y Menores da Garda Civil (EMUME) de Lugo e superior directo do cabo Armando Lorenzo nas funcións de inspección dos locais de alterne.

Para esclarecer o delito imputado de solicitude sexual por funcionario público, o avogado da defensa, César Lodos, pediu a lectura por parte do Tribunal das dúas declaracións realizadas pola denunciante do feito –que non compareceu na vista– durante a instrución da causa no ano 2010. “Non hai nin 15 días de diferenza entre unha e outra e na primeira non existe nin unha soa referencia a Baquero”, concluíu, tras a lectura, o letrado.

En relación ao delito de omisión do deber de perseguir delitos –vinculado a un matrimonio de conveniencia celebrado entre unha prostituta e un home con presunta discapacidade intelectual cuxas dilixencias Baquero negouse a iniciar–, declararon na Audiencia Provincial a propia muller, en calidade de testemuña, así como tres ex axentes da Garda Civil de diferente rango da Policía Xudicial e do EMUME.

Antes do primeiro receso da xornada previo ao capítulo de conclusións tivo lugar o interrogatorio do propio acusado, que asegurou non acudir “só” a ningún club de alterne da provincia de Lugo e negou calquera tipo de implicación na causa.

“Eu non teño nin nunca tiven nada que ver coa Carioca nin cos clubs de alterne. Facer un comentario criticando á xuíza instrutora –Pilar de Lara– foi a miña sentenza”, proclamou.

CONFORMIDADE COAS PENAS

Xa na xornada vespertina, tras un novo receso de tres horas, a fiscal procedeu a informar as modificacións realizadas no seu escrito e a xuíza notificou aos procesados as novas penas interesadas.

Tanto o tres imputados presentes na sala que selaran a súa conformidade o martes, como García Adán –que compareceu unha xornada máis por videoconferencia desde a prisión de Mansilla de las Mulas (León) onde cumpre condena– volveron a recoñecer a súa autoría nos feitos e mostraron a súa conformidade coas penas.

Non o fixo así Julio Baquero, que volveu a reiterar a súa inocencia na súa última intervención lamentando especialmente pola súa muller, indicou, o feito de verse envolvido na trama. “Dáme moita pena que este señor se tivese que enfrontar durante 14 anos a unha pena de banco. Foise a súa honra sen ningunha proba. Non entendo como non se ditou unha sentenza absolutoria”, declarou en conclusións, á mantenta do seu cliente, o avogado da defensa, César Lodos.

Representantes da plataforma cidadá contra a impunidade do Caso Carioca estiveron presentes na sala durante a segunda xornada do xuízo e cualificaron como “moi decepcionantes” as penas solicitadas polo Ministerio Fiscal. “As persoas que cometeron delitos tan graves deberían ter outro castigo. Esperamos que isto non volva suceder e podamos vivir nunha cidade onde a Fiscalía si que fai o seu traballo, que é perseguir o delito e protexer ás vítimas”, manifestou, fronte á sede da Audiencia, unha dos seus portavoces.

Cando a sentenza desta última peza da Operación Carioca sexa firme, a xustiza daría carpetazo a unha investigación que sacudiu os cimentos da cidade amurallada durante 15 anos, cinco meses e dous días, e con ela a un proceso fragmentado en múltiples pezas con 270 tomos de sumario, polo menos 400 vítimas e preto dun centenar de imputados iniciada pola xuíza Pilar De Lara no ano 2008.

ÚLTIMAS

Dous irmáns lucenses, promesas do piragüismo español

Un día de semana ás 10:00 horas da mañá en pleno verán, Hugo Argiz e...

O pleno municipal aproba esixir á Xunta que garanta o dereito das mulleres a abortar na provincia

O pleno do Concello de Lugo aprobou este venres, co voto a favor de...

Un conductor ferido grave tras caer por un terraplén no Corgo

O condutor dun vehículo resultou ferido de gravidade tras saírse da vía e caer por un...

Doa sangue e levarás gratis unha entrada para o cinema

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Centro Comercial As...