
A Garda Civil de Tráfico interceptou ao condutor dun vehículo que circulou varios quilómetros en sentido contrario da A-6. Foi localizado á altura de Guitiriz. Fontes deste corpo de seguridade confirmaron que o suceso tivo lugar sobre as 21 horas deste luns, ao incorporarse polo carril que vai sentido A Coruña para dirixirse sentido Lugo-Madrid.
A circulación produciuse entre os puntos 555 e 535 da A-6, polo que se prolongou uns 20 quilómetros ata que foi interceptado, alertadas as forzas de seguridade por outros condutores.
Cara á zona desprazáronse patrullas do Subsector de Tráfico da Coruña e deuse aviso ao Centro de Xestión de Tráfico, situado na Coruña e á Central Operativa de Servizos do Subsector de Tráfico de Lugo, posto que se dirixía a esa provincia.
Finalmente, o vehículo puido ser interceptado no quilómetro 535 da A-6, no termo municipal de Guitiriz por unha patrulla do Destacamento de Tráfico da Garda Civil de Vilalba, a cal conseguiu retirar da circulación o vehículo.
O condutor foi sometido ao control de alcoholemia arroxando taxas positivas. Ademais, está investigado por condución temeraria ao circular en sentido contrario e por superar as taxas de alcol establecidas, dilixencias que serán remitidas ao xulgado de garda competente.
A Garda Civil lembra que circular de forma temeraria manifesta está penado con entre seis e dous anos de cárcere e privación do carné de conducir entre un e seis anos.
OUTRO ACCIDENTE CON ALCOL POSITIVO
Doutra banda, o pasado domingo 26, sobre as 00.30 horas, rexistrouse un sinistro de circulación na carreta N-640, no termo municipal de Monterroso (Lugo). Consistiu nunha saída de vía por marxe esquerda.
Como consecuencia do sinistro, producíronse só danos materiais. Con todo, o condutor, un home de 35 anos e veciño de Monterroso, foi sometido á proba de alcoholemia e arroxou unha taxa positiva que cuadriplicaba a máxima permitida. Así, está investigado por un delito contra a seguridade viaria. O equipo de atestados da Garda Civil de Tráfico de Monforte de Lemos instruíu as dilixencias policiais, que serán remitidas ao Xulgado de Garda de Chantada.