Efectivos da Unidade Territorial de Barrio da Policía Local de Lugo realizaron o pasado fin de semana unha inspección nun local de hostalaría da rúa Tui que acumula varias intervencións policiais e numerosas denuncias de veciños por alteracións da orde pública e molestias por ruídos.
Así, durante o dispositivo policial detectáronse unha serie de irregularidades e levantáronse ata oito actas de denuncia por infraccións á Ordenanza de Contaminación Acústica, Lei de Emprendimiento normativa urbanística e de edificación, Lei de Saúde de Galicia, Lei de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo e Lei de prevención do consumo de bebidas alcohólicas.
En concreto, levantouse unha acta de denuncia por ter música no interior, cando o ten prohibido por ser un local con licenza de café bar pertencente ao Grupo I, así como unha acta de denuncia por ter, nun local adxacente, un computador e unha pantalla con activación de cancións musicais.
Tamén se confeccionou unha acta de denuncia pola instalación dunha videocámara de reprodución de imaxes da vía pública, sen estar autorizada por protección de datos e unha acta de denuncia por realizar modificacións no establecemento sen efectuar a comunicación previa e sen licenza municipal.
Tamén se levantou unha acta de denuncia por incumprimento das medidas e condicións de seguridade establecidas na normativa urbanística e de edificación: incumprimento da normativa de protección de incendios ao pecharse a porta de entrada desde o interior cun resbalón, podéndose abrir soamente desde o interior e estando bloqueada desde o exterior.
Finalmente, denunciouse a carencia de cartel de aforamento e código QR, a ausencia de sinalización da prohibición de fumar no interior e a ausencia dun cartel advertindo da prohibición de consumo de bebidas alcohólicas por menores de idade na entrada do establecemento.