Axentes da Policía Local de Lugo tramitaron denuncia a un bar por triplicar o número de persoas permitido, por non manter as condicións hixiénico-sanitarias no marco da desescalada, ou por exercer fóra de horario e deixar fumar dentro, entre outras irregularidades.
Segundo informou a Policía Local, ocorreu durante unha inspección a un establecemento da rúa Nova a iso das 3:40 horas deste venres. Alí, os axentes atoparon un panorama que para nada se axeitaba ao esperable en tempos de pandemia e de estado de alarma. No interior do local, os incumprimentos íanse sucedendo.
Por un lado, os axentes realizaron denuncia pola ausencia de xeles hidroalcohólicos e de máscaras nos traballadores. Tampouco os usuarios mantiñan a distancia de seguridade. Ademais, fontes policiais indicaron que se superaba o número de persoas establecidas pola normativa sanitaria. Non podería pasar do 40% da súa capacidade, pero os axentes comprobaron que había un triplo da xente permitida.
MÁIS IRREGULARIDADES
Así mesmo, o local foi denunciado por exercer a actividade fóra do horario máximo permitido; por ter instalado debaixo da pantalla de LCD unha barra potenciadora de son sen ter licencia para tal; polo consumo de tabaco por parte de clientes no interior; e por usar un local anexo como terraza sen contar con autorización.
A Policía Local tamén levantou acta por atoparse clientes do local que consumían na barra “cando está totalmente prohibido” pola normativa no momento actual do estado de alarma.