InicioSociedadeCáritas Lugo alerta: medran os migrantes atendidos e os maiores sós, pero...

Cáritas Lugo alerta: medran os migrantes atendidos e os maiores sós, pero “a pobreza ten cara de muller”

A entidade atendeu 7.834 persoas en 2025 e beneficiou máis de 32.000 a través dos seus programas, nun contexto marcado polo custo da vivenda, a precariedade laboral e o aumento das persoas con emprego que tamén precisan axuda.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Un total de 7.834 persoas foron atendidas por Cáritas Diocesana de Lugo ao longo de 2025 e 32.354 víronse beneficiadas polos diferentes programas que a entidade ten en marcha, o que supón un incremento estimado do 4% respecto do ano anterior. O acceso á vivenda, o aumento do custo da vida e a precariedade laboral son os problemas máis habituais que levan as familias da provincia a pedir axuda a esta entidade. Así o explicou este xoves na súa sede a directora do colectivo, Amparo González Méndez, con motivo da celebración nos próximos días do Día da Caridade.

Acompañada pola secretaria xeral, Mónica Yáñez Devesa, e polo reverendo Javier Diéguez Diéguez, a responsable da entidade avanzou que o programa con maior demanda durante o ano pasado foi o de acollida e asistencia a persoas en situación de exclusión, que deu acompañamento e tutela a 1.722 familias e 4.053 persoas“Por primeira vez, o desemprego non é a principal causa de situación de vulnerabilidade. Hai cada vez máis persoas con emprego —un 30 % o ano pasado— que solicitan a nosa axuda, e isto débese ao elevado prezo da vivenda, que ás veces obrígaas a escoller entre pagar o aluguer ou cubrir as necesidades básicas”, sinalou Amparo González.

A directora de Cáritas Lugo tamén subliñou que os procesos de exclusión son cada vez máis “de longa duración” e que a pobreza “se transmite”. Neste eido fixo fincapé no traballo que realiza a entidade para apoiar os menores, “co obxectivo de fomentar a inclusión social a través de itinerarios socioeducativos”. Precisamente, máis dun cento de nenos e nenas, un 73 % deles menores de 12 anos, foron tutelados nese proceso de inclusión por Cáritas de Lugo a través de dous programas cos que se pretende “investir na infancia para que non se vexan condicionados polo seu contorno”.

AUMENTO DA ATENCIÓN A PERSOAS MIGRANTES E MAIORES SÓS

En canto ao perfil das persoas atendidas, Amparo González resaltou o aumento do número de migrantes que precisan acompañamento, que representan o 60 % das persoas atendidas. O labor da entidade céntrase en axudalos a atopar vivenda e orientalos ao emprego, ademais de facilitar os trámites para solicitar axudas. Tamén medra o número de maiores vítimas da soidade non desexada, especialmente no medio rural, onde a organización intensificou o seu traballo nos últimos anos.

Pola súa banda, Mónica Yáñez debuxou o perfil máis habitual das persoas que piden axuda en Cáritas. “Porque a pobreza ten cara de muller”, dixo, xa que na maior parte dos casos trátase de nais soas con varios fillos a cargo, que non conseguen atopar nin traballo nin vivenda. Na súa maioría tamén son migrantes en situación irregular.

DÍA DA CARIDADE

O balance anual realizado por Cáritas Diocesana de Lugo coincide coa celebración, a partir do mércores 3 de xuño, do Día da Caridade, que se desenvolverá baixo o lema “Elixe amar, elixe comunidade”. A programación comezará ese mesmo día coa lectura do pregón, no Círculo das Artes, ás 20.00 horas, a cargo de Luis Miguel Rojo Septién, delegado episcopal de Cáritas. Durante as xornadas do xoves 4 e do domingo 7 haberá recollida de doazóns mediante mesas informativas e colectas nos oficios relixiosos. Ademais, entregaranse os Premios Caridade 2026, nos que participaron arredor de 1.300 escolares, nun acto que terá lugar o xoves no auditorio Fuxan os Ventos e que estará dirixido polo Mago David.

+ posts

ÚLTIMAS

CCOO chama á unidade sindical para negociar o convenio do comercio de alimentación en Lugo

A Federación de Servizos de CCOO Galicia fixo un chamamento ao resto de organizacións...

Agresión a tres funcionarios na prisión de Monterroso, un deles tivo que ir ao PAC

Un preso do centro penal de Monterroso agrediu a tres funcionarios da prisión, en...

O alcalde do Páramo renuncia á acta e será relevado polo seu segundo, Benjamín García

O Concello de O Páramo celebrará esta tarde o pleno no que se tomará...

Acusan a Elena Candia do “maior acto de vulneración democrática vivido nun pleno do Concello de Lugo”

  O voceiro socialista no Concello de Lugo, Miguel Fernández, criticou este xoves con enorme...