Máis de mil persoas participaron este domingo en Vilalba nunha nova edición da Feira do Capón, unha cita con case dous séculos de historia que volveu reunir a veciñanza e visitantes pese ás baixas temperaturas. A alcaldesa, Marta Rouco, cualificou a xornada de “todo un éxito”, asegurando que se venderon practicamente todos os capóns dispoñibles e que a degustación gratuíta esgotou as existencias, a pesar do frío e da neve que comezou a caer pola tarde.
A rexedora explicou que, aínda que non hai cifras oficiais, calcúlase que entre dous mil e tres mil persoas pasaron pola feira ao longo do día. Nesta edición participaron 30 criadores censados, o que permitiu garantir a presenza de produto, e o programa completouse coa actuación da minibanda de Vilalba e outras actividades paralelas organizadas polo Concello.
Durante a xornada, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, destacou os avances na consolidación da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) do Capón de Vilalba, que conta xa con tres operadores certificados. Ademais, puxo en valor a tradición da feira, a súa vinculación co Nadal en Galicia e o seu papel como motor económico e social da comarca.
Pola súa banda, a deputada do BNG no Parlamento galego, Montse Valcárcel, salientou a importancia da Feira do Capón para fomentar o consumo de proximidade, contribuír a un modelo máis sostible e dinamizar economicamente o territorio. Tamén subliñou que este evento é unha celebración da identidade, da historia e do rural galego, posible grazas á implicación dos criadores.
