Unha patrulla camuflada da Policía Local de Lugo interceptou a pasada madrugada ao condutor dun cuadriciclo que circulaba en sentido contrario pola Rúa de Pontevedra, en dirección á Rúa Tui, onde finalmente os axentes déronlle o alto.
Os policías decatáronse de inmediato de que o condutor, un home de 55 anos de idade, presentaba síntomas evidentes de ter bebido, polo que foi sometido ao correspondente control de alcoholemia, no que deu unha taxa positiva de 0,77 miligramos de alcol por litro de aire expirado, máis do triplo do permitido pola lei.
A Policía Local instruíu dilixencias por un suposto delito contra a seguridade viaria pola modalidade de xuízo rápido. Por outra banda, sobre as 05:30 horas, outra patrulla viu como un vehículo circulaba de forma irregular pola Rúa San Roque. Cando lle deron o alto, viron que o condutor presentaba síntomas de embriaguez. Sometido á proba de alcoholemia, deu unha taxa positiva de 1,21 miligramos de alcol por litro de aire expirado, case cinco veces máis da taxa permitida.