A área Sanitaria de Ferrol derivou a outros cinco pacientes afectados con coronavirus ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo.
Dous deles foron trasladados desde a unidade de coidados intensivos do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) a última hora da tarde deste xoves, sendo tamén levados á UCI do hospital lucense. Os outros tres foron trasladados ao longo da mañá deste venres, día 29, outro á zona de UCI e os outros dous quedaron ingresados en planta.
Desde o Sergas reitérase que “os traslados interhospitalarios de estaban previstos no Plan de Continxencia como unha medida máis para poder dar resposta á situación cambiante que xera esta enfermidade”.
Inciden ademais que “os criterios para decidir un traslado son clínicos e organizativos” e que “a decisión de que vaian a un sitio ou a outro tómase entre os profesionais asistenciais, segundo a situación de cada área e cada momento”.
DOCE PACIENTES DERIVADOS
Con estes son xa doce os pacientes das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal que foron derivados a hospitais doutras provincias, a maioría, ata nove, ao HULA de Lugo, mentres que os outros dous foron levados ao Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUF), quedando ingresados na UCI do Hospital Montecelo.