A residencia DomusVi Lugo, de Outeiro de Rei, repite o contaxio masivo, e tamén a traxedia que está sufrindo a residencia do Incio, xa que se produciron 99 novos positivos nas últimas horas, deles 94 usuarios e 5 traballadores.
Este contaxio masivo nesta residencia podería provocar que se repita a situación que xa se viviu e aínda se está a vivir no Incio, onde xa morreron 15 usuarios tras o contaxio de máis dun cento de persoas. Nesta residencia o número de infectados polo virus ascende xa a 139 usuarios e 14 traballadores, de acordo cos datos actualizados da consellería. De feito, a Xunta baralla xa intervir este centro como xa fixo co do Incio.
Segundo datos facilitados pola Xunta, isto deixaría os novos casos activos en Lugo en máis de 80. Uns datos que difiren, e moito, dos dados a primeiras horas desta mañá por Sanidade que reportara que había 16 casos activos menos, pero con datos do luns.
Deste xeito, o número de casos de coronavirus en Lugo ascendería a 900 ás 13.00 horas do 8 de setembro.