InicioLugo e contornaGuntínO propietario dun club de alterne en Guntín sostén que descoñecía o...

O propietario dun club de alterne en Guntín sostén que descoñecía o que se facía nas habitacións

Piden entre 8 e 15 anos de cárcere para catro acusados por explotación sexual de mulleres en condicións de "extraordinaria dureza".

PUBLICADA O

- Advertisement -

O propietario dun club de alterne en Guntín, F.J.R., asegurou no xuízo contra el e outro tres persoas, que “descoñecía” o que se facía nas habitacións, á vez que negou que houbese “relación laboral” coas mulleres que alí exercían a prostitución.

Este martes comezou un xuízo na sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo contra catro acusados de obrigar a mulleres estranxeiras, sobre todo brasileiras, sen permiso de traballo a exercer a prostitución neste local de Guntín.

No entanto, o dono do establecemento si que recoñeceu que lles cobraba a estas mulleres dez euros a cambio “de almorzo, comida e cea”. Tamén relatou que dispuñan de “calefacción e auga quente”.

“Non o podo asegurar”, dixo este martes sobre o que supostamente acontecía nas habitacións deste prostíbulo. “Non o sei”, escudouse e definiu o negocio como “un bar”.

Nas súas conclusións provisionais, o fiscal pide ao propietario, á súa esposa e a dúas mulleres máis penas de entre oito anos e medio e 15 de cárcere polos delitos de prostitución, así como outro contra os dereitos dos traballadores e trata de seres humanos.

ACUSACIÓN

No escrito de acusación mantense que os acusados actuaban con “ánimo de enriquecemento ilícito” mediante a explotación do exercicio da prostitución por parte de diversas mulleres de nacionalidade estranxeira.

Os procesados, segundo a fiscalía, obrigaban a prostituírse ás mulleres que se atopaban nunha “apurada situación económica, persoal e familiar”.

Á súa vez, sinala que forzaban as mulleres a entregarlles a maior parte do diñeiro que gañaban cos servizos prestados e obrigábanas a manter relacións mesmo durante “os períodos de menstruación”.

Outro aspecto que fiscaliza a acusación é que se someteu ás supostas vítimas a un “estrito control persoal”, impóndolles sancións económicas si saían do local. “Padecían condicións de traballo, de conduta e de convivencia no local de extraordinaria dureza, encamiñadas a obter as maiores ganancias posibles”.

AS DEFENSAS PIDEN A LIBRE ABSOLUCIÓN

Os tres avogados dos catro acusados piden a libre absolución. Mesmo un deles, César Lodos, que representa a parella refírese a unha “denuncia falsa” como o detonante de todo o proceso xudicial.

Lodos puntualizou, antes de entrar en sala, que a súa estratexia de defensa ía conducirse “pola solicitude de libre absolución por falta de probas, cunha única denunciante á que ao final se lle suma outra amiga que non aparece a ratificar as denuncias”.

“Entendo que nun club onde se moven centos de traballadoras sexuais durante o ano non é relevante para unha denuncia deste tipo”, indicou.

Así mesmo, Lodos afirma que detrás desta denuncia podería acharse “un sistema para saír da prostitución que podería ser válido, pero noutros casos está a utilizarse de forma fraudulenta por outro tipo de persoas”. “E eu penso que estamos nese suposto”, agrega.

“Todos os argumentos que se esgrimen aparentemente son falsos e hai varias testemuñas (mulleres) que corroboran que a situación no club non era, nin é de lonxe, o que se comenta”, defende.

ÚLTIMAS

Arden varios colectores de madrugada na cidade de Lugo

Varios colectores arderon na madrugada deste mércores na Estrada da Granxa, na cidade de...

Ángel Pérez, novo alcalde de Guntín con 27 anos

O pleno do Concello de Guntín elixiu na tarde deste mércores como o seu...

Amancio Prada volve a Lugo 16 anos depois

Amancio Prada volve a Lugo 16 anos despois do seu último concerto nesta cidade....

Piden a absolución dun mozo de Vilalba acusado de violar á súa ex parella menor de idade

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo acolleu este martes a celebración do...