Case medio millar de nenos dos Ancares están sen pediatra esta semana

Os socialistas de Becerreá denuncian que no PAC da localidade nin sequera hai un médico especialista para tratar os nenos. "Obrigan os pais a deixar de acudir á sanidade pública e contratar seguros privados", lamentan, ao tempo que acusan a Xunta de non ofrecer os mesmos servizos no rural ca na cidade.

PAC de Becerreá | Google Maps

As deficiencias nos servizos sanitarios galegos están a ser unha constante nos últimos meses. A queixa máis recente alude á comarca dos Ancares, onde 450 nenas e nenos quedarán sen atención pediátrica durante esta semana. Así o denuncia o PSOE de Becerreá, que advertiu que “hoxe, martes 13 de agosto, a persoa que atende pediatría no PAC de Becerreá non acudirá ao servizo, polo que non estará dispoñible durante toda a semana”.

A voceira socialista de Becerreá, Ana Rubinos, explica que esta situación afecta a preto de medio millar de crianzas dos concellos de Becerreá, Pedrafita, As Nogais, Cervantes e Navia, todos eles municipios dependentes do servizo de pediatría da localidade becerrega.

Segundo asegura, o PAC de Becerreá ten un servizo de pediatría “escaso”, xa que só atende os martes e xoves pola mañá. Nin sequera hai un médico especialista, di. Lembra que o seu grupo político xa levara a pleno as demandas veciñais que reclamaban un servizo continuado de pediatría no PAC de Becerreá. “Obrigan os pais a deixar de acudir á sanidade pública e contratar seguros en consultas privadas, que seguramente é o que quere o goberno de Feijóo”, lamentan.

UN RURAL “DESATENDIDO”

Neste senso, Rubinos acusa o presidente da Xunta e o seu partido de “non ter sensibilidade cando se trata de atención primaria no medio rural”. “Non teñen en conta para nada a dispersión da poboación nin o evidente risco de ter desatendida toda unha comarca na Montaña lucense”, sentencia a voceira socialista. Piden que todos os nenos e nenas do rural teñan os mesmos dereitos ca os das cidades. Iso, de primeiras, pasaría por designar un médico pediatra para o PAC da localidade. “Queremos unha verdadeira lexislatura do rural, non unha de pacotilla como a que vende o señor Feijóo”, concluíu Rubinos.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here