Marcos Pereira é o presidente de Lugo Sala, un club en continuo crecemento coa base coma prioridade. Explica a evolución positiva do proxecto, a centralización das instalacións no Pazo de Feiras e Congresos e anuncia a creación dun primeiro equipo a tempada que vén en colaboración co Club Deportivo Lugo.
Lugo Sala fúndase en maio de 2014. Como xorde a idea e que espectro pretendiades cubrir?
Creouse nun autobús, no cal eu propuxen unha idea aos compañeiros que estaban dentro dese autobús. Díxenlles que a miña idea, unha vez que eu me fose do club (Azkar Lugo F.S.) onde estaba, quería montar un club pola miña conta. Ter nenos, traballar con eles e ter coma un “hobby” a maiores. Levabamos moitos anos traballando coa base e encántanos. Queriamos seguir con esa dinámica, con ese obxectivo.
Hoxe día, tendes sete categorías. Que crecemento experimentastes tanto a nivel de equipos coma de categorías durante estes catro anos?
O primeiro ano, 2014-2015, quixen contar coa presenza de Félix (Julio Sarceda) e Álvaro (Julio Sarceda), traballadores e adestradores desas categorías, xunto comigo. Tamén, a directiva a nivel directivo. O primeiro ano, tivemos 48 nenos en diferentes categorías. De feito, só puidemos competir nalgunhas categorías, non en todas. Seguimos traballando con ilusión e sabiamos que o traballo ben feito íanos dar unha recompensa. No segundo ano, de ter 3-4 equipos, engadimos 12-13 equipos. Veu unha gran masa social polo traballo ben feito o primeiro ano e porque moita xente coñecíanos. De 48 nenos, pasamos a ter 150-160. Aí foi o cambio, de ser un club recentemente feito a unha evolución a nivel de nenos, a nivel de equipo, a nivel de estrutura. Tivemos que ter máis traballadores. A día de hoxe, seguimos medrando. Agora, temos 15 equipos, 12 empregados, unha estrutura no Pazo de Feiras e Congresos, como a nosa oficina e instalacións. Neste cuarto ano, era a ver como respondía. Vemos que o proxecto está asentado a nivel deportivo, económico e loxístico.
Hai dúas patas fundamentais: as instalacións e mailos socios. Como foi o crecemento e cal é a situación actual?
A nivel de instalacións, como hai tanto deporte e tanta demanda de deportes de sala, xa non só fútbol sala, fomos ao Concello a pedir pistas para poder adestrar. O primeiro ano non nos puideron axudar en nada. Tivémosnos que buscar a vida. Grazas ao Instituto Politécnico puidemos sacar adiante eses adestramentos e estamos moi agradecidos. Ao ano seguinte, con 13-14 equipos, o Concello púidonos axudar cunhas horas con equipos de liga galega. Cos demais, buscámosnos a vida. A axuda do Club Deportivo Lugo foi importante para estar no Centro Deportivo Terra. Grazas ao C.D. Lugo, puidemos adestrar coa base, excepto os equipos de liga autonómica. Os seguintes anos pasámosnos ao Pazo de Feiras e Congresos. Montamos as nosas instalacións, xunto ao Lugo, que ten as súas escolas. Medramos porque temos os equipos centralizados nunha instalación. Temos un único “hándicap” e é que pagamos un aluguer. Somos dos moi poucos clubs que pagan un aluguer por adestrar aos nosos equipos. Agora temos tres pistas pequenas e unha grande.
Como é a vosa situación a nivel de abonados?
É diferente ao non ter un primeiro equipo. Moitos socios son pais, amigos nosos que colaboran. É diñeiro que axuda aos gastos do club. Cada día sorpréndeme máis os moitos gastos que hai. Esperamos que Lugo Sala sígase facendo un nome e con ese primeiro equipo ter máis abonados. Estamos moi tranquilos nese eido.
Hai un baleiro en canto a un primeiro equipo, un equipo sénior. Contempládelo a curto, medio ou longo prazo?
Cando vimos o crecemento alto entre o primeiro e o segundo ano, aí démosnos conta que era un proxecto máis serio. Isto pasa a ser unha empresa. Telo que traballar como tal, non coma un “hobby”. Entón, queriamos montar un primeiro equipo. No noso quinto ano, iamos sacar un primeiro equipo. E ímolo sacar para a tempada que vén. É para darlle saída a todos os xuvenís que pasan a categoría sénior para que poidan seguir formándose. Era moi importante para os traballadores e para a cidade, que quere o fútbol sala. As institucións creen no noso traballo e estámoslles moi agradecidos. Imos ter un convenio de colaboración ou un convenio de filialidade co Club Deportivo Lugo. O Lugo quere ter unha sección de fútbol sala e creen no noso traballo. O noso primeiro equipo, a tempada que vén, vai estar baixo o paraguas do C.D. Lugo a nivel social e loxístico. Estamos moi agradecidos a eles. Están sendo unha referencia na provincia. E cada vez máis os equipos de fútbol están buscando sinerxias con equipos de fútbol sala, como o Betis ou o Xota F.S. con Osasuna. Para a Liga Nacional de Fútbol Sala (LNFS), é moi importante porque todo o que move o fútbol é moito maior que o fútbol sala.
En que categoría comezaría ese primeiro equipo?
Estamos ultimando. Supoño que en xuño poderemos sacar toda a información xunto ao C.D. Lugo. Hai que inscribirse a nivel local. A nosa idea era poder competir en Terceira División. É unha boa categoría. Pero non é viable entrar a nivel burocrático e queremos ascender por méritos deportivos. Queremos facer un equipo novo, con xente non moi maior, coa idea de que en 2-3 anos, si podamos ascender, eses mozos sigan connosco e cara arriba.
Sodes un club de Lugo, mais buscades maior presenza no resto da provincia a nivel de xogadores e patrocinadores? Lugo é unha provincia ampla e complexa polas distancias.
De momento, estamos traballando a nivel local, a nivel de Lugo. Estamos facendo un bo traballo, como moitos clubs, como Casás, Lumieira. Querémosnos desmarcar en moitos aspectos doutros clubs. Nós facemos moitos outros eventos como o Torneo de Nadal. O ano que vén seguiremos con el. A vindeira semana facemos a nosa segunda edición do clínic de adestradores. O noso club non só vese a nivel local, senón a nivel autonómico e nacional. Moita xente coñécenos polo clínic e infórmanse sobre como traballamos. Os eventos e estas entrevistas axudan a que a xente véxache. Lugo Sala non se estanca e queremos avanzar a nivel autonómico. A pasada tempada, o noso equipo cadete foi campión de España da confederación. Foi moi importante. O noso primeiro título. Ves que o traballo recolle os seus froitos. É un espello para outras categorías e para formar xogadores para o noso primeiro equipo, que é o noso obxectivo.
O sábado 9 de xuño, celebrades a segunda edición do clínic de adestradores no Pazo de Feiras e Congresos. Contades coa presenza, do mesmo xeito que na edición pasada, de Marc Carmona, ex adestrador do Barça. Tamén contades, por exemplo, con Dani Rodríguez, adestrador do Jaén F.S., que gañou a Copa de España 2015 e 2018; ou Juanma Marrube, adestrador do Burela F.S.
É a nosa segunda edición. O hándicap é que é moi cedo. O ano pasado foi o 17 de xuño. Coincídenos en Arde Lucus e sería moi complicado, íanos prexudicar. E o último fin de semana sería moi tarde e coincide con San Xoán. Tivemos que movelo ao día 9. Quixemos aproveitar o tirón do ano pasado, que foi un boom con 90 asistentes. Fíxose un bo traballo e a xente quedou encantada. O hándicap é que aínda hai competicións. O clínic é moi importante para formar á xente. O que máis me apena é que xente de Lugo vén moi pouca. Como adestrador, parécenme moi importantes estas iniciativas. Na provincia de Lugo non hai ningunha e en Galicia só dúas, contando o noso. Vén máis xente fóra de Galicia. Veu xente de Portugal e este ano tamén. Vexo que a xente de Lugo non ten esa motivación e me entristece. É un clínic moi bo e súper completo. Temos sete relatorios, un máis que o ano pasado. Tocamos todos os sectores. Repite Marc Carmona, que é un fenómeno. Fixo un relatorio espectacular. É un home moi próximo. É unha persoa dez. Falamos con Dani Rodríguez e desde o primeiro momento dixo que contásemos con el. A súa tempada con Jaén é para quitarse o sombreiro varias veces cun equipo de “curritos”. É incrible. É un espello para adestradores, xogadores e clubs. Iso é traballo.
Organizades outros eventos, como o Torneo de Nadal ou clínics de porteiros. Que destacarías neste eido máis a curto prazo?
Este ano tivemos moi pouco tempo para preparar o Torneo de Nadal. Este ano empezaremos a traballalo en setembro. Saíu moi, moi ben e con moitos equipos. Temos un campus xunto a Sagrado Corazón, de fútbol e fútbol sala. Como novidade, demos un salto de calidade na nosa instalación preocupándonos do lado académico dos nenos. Pedímoslles as notas. Axudamos aos pais. Tes que darlles un aliciente desde a nosa posición. Creamos unha academia de estudos, xunto a PC Ensino. Aqueles nenos que queiran reforzo escolar, ata sexto de primaria, en inglés, matemáticas, deberes, etcétera. É unha iniciativa vencellada aos adestramentos. Non hai ningún club en Lugo que ofreza ese servizo e témolo centralizado no Pazo de Feiras e Congresos. Son prezos moi económicos.
Sodes un grupo de traballo moi unido a nivel laboral e de amizade. Con experiencia previa no Azkar Lugo. Que destacarías do grupo humano? Ademais, hai dúas figuras máis mediáticas, como son Miguel Muñoz, xogador de O Parrulo, e ex Azkar Lugo ou Zaragoza, por exemplo; ou Diego Ríos, adestrador de O Parrulo e ex Azkar. Lugo Sala fúndase en 2014 e Diego ficha por O Parrulo nese momento. Por aquel entón, Diego confirma que se marcha a Ferrol porque así compatibiliza os dous proxectos. Miguel non é lucense, involucrouse no proxecto e vive aquí.
Temos a Jacobo (Gómez), que era xefe de prensa do Prone Lugo, que é un profesional como a copa dun piñeiro. Lévanos as redes sociais, a web, todo. Está Xabi López, que estivo connosco en Prone. Diego Ríos está como gran adestrador que é, dos mellores de España e do mundo. Miguel Muñoz como xogador de O Parrulo e está no club. Non me podo esquecer de (Manuel Martínez) “Maradona”, home de fútbol sala, que tamén está no proxecto; (Luis Abel Taboada) “Fus” e José Carlos. Todos colaboran a nivel deportivo e loxístico. E, despois, toda a xente que está traballando no club. Somos xente que levamos moitos anos traballando xuntos. Xa non só a nivel laboral, somos amigos. Pero temos algo moi bo: sabemos diferenciar o laboral do deportivo. Somos amigos, pero, laboralmente, somos compañeiros. Tiramos uns dos outros. Temos un grupo humano que é a envexa de moitos clubs de fútbol sala, de fútbol, baloncesto, etcétera. Non hai esta unión. E temos os mellores traballadores. Sempre se pode mellorar, ter máis traballadores. Outros se van, como é o caso de Dani (Díaz), que se marcha ao Poio F.S. Perdes unha figura moi importante. Esperemos que o día de mañá volva moito mellor formado, máis do que xa está, que ten un nivel moi alto. Temos xente moi cualificada, titulada.
Foto de LugoSala.com