A Deputación de Lugo reforza o seu compromiso co sector forestal cun proxecto pioneiro que achega a formación ao propio lugar de traballo. O anuncio realizouno este venres o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, durante a Asemblea Xeral de Lugomadera, celebrada en Vilalba.
Para poder desenvolver este proxecto con este colectivo, que reúne a 270 asociados e asociadas, a institución provincial asinará un convenio coa asociación para a adquisición e acondicionamento dunha unidade móbil de formación, unha aula sobre rodas que permitirá achegar a capacitación profesional directamente ás explotacións e aproveitamentos forestais da provincia. O investimento total ascende a máis de 65.000€ dos que a Deputación achega 60.000€.
Durante a súa intervención no encontro, Rivera Capón puxo en valor o papel que desempeña o sector forestal na economía provincial e destacou a importancia de seguir investindo no coñecemento e na formación continua para afrontar os retos de futuro. “O principal valor de calquera sector está nas persoas que o fan posible. Por iso, apoiar a formación e a profesionalización do sector forestal é tamén unha forma de apoiar o futuro da nosa provincia”, sinalou.
O proxecto parte dunha idea “tan sinxela como innovadora”, detallou Rivera, cando explicou que se trata de “levar a formación ata onde están os profesionais. Fronte aos modelos tradicionais, que esixen desprazamentos a centros especializados, esta aula itinerante permitirá impartir formación directamente no monte, facilitando o acceso á actualización de coñecementos e á formación continua sen que a distancia ou a dispersión territorial supoñan unha dificultade engadida”.
A unidade móbil contará con aula portátil, ferramentas demostrativas e material audiovisual, e ofrecerá contidos adaptados ás necesidades reais do sector. As accións formativas abranguerán desde operacións forestais básicas, como apeo, desbroce ou poda, ata aspectos normativos, ambientais e preventivos. A seguridade e a saúde laboral terán un papel destacado, con formación específica sobre o uso correcto dos equipos de protección individual e a aplicación de técnicas de traballo seguro.
Ademais, a iniciativa incorporará unha campaña de sensibilización para promover boas prácticas na conservación da rede viaria provincial. Neste marco elaborarase e distribuirase un manual de boas prácticas dirixido ás empresas e profesionais do sector, que incluirá recomendacións técnicas e medidas preventivas para as operacións de corta, desembosque, carga e transporte de madeira, co obxectivo de minimizar o impacto sobre as infraestruturas viarias e contribuír á seguridade dos seus usuarios.
Rivera Capón destacou que esta actuación é un exemplo da colaboración entre a administración pública e o tecido produtivo para dar resposta a necesidades reais e contribuír ao fortalecemento dun sector clave para o desenvolvemento económico da provincia. “Queremos que a formación chegue ata onde está o traballo, facilitar o acceso ao coñecemento e contribuír a que o sector siga avanzando en profesionalización, seguridade e competitividade”, apuntou.
Coa posta en marcha deste proxecto, a Deputación de Lugo reafirma a súa aposta pola profesionalización do sector forestal, pola mellora da seguridade laboral, pola incorporación de novos profesionais e polo fortalecemento dun tecido produtivo esencial para a economía, o emprego e o futuro do rural lucense.
