Os senadores do PP de Lugo advertiron de que o Goberno de España “non ten data” para a apertura da nova estación intermodal da cidade amurallada. Así o sinalaron despois de se dirixiren formalmente ao Executivo para esixirlle unha data “concreta e improrrogable” para a apertura e posta en servizo da nova infraestrutura. En concreto, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano denunciaron que os lucenses “seguen agardando despois de dous anos de obras e de varios incumprimentos en relación coa súa inauguración”.
Os “populares” lembraron que “foi precisamente na Cámara Alta” onde o ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, “asegurou que estaría por Lugo no mes de xuño deste 2026 para inaugurar a estación intermodal, pero, unha vez máis, tratábase doutra promesa incumprida”. Por outra banda, os senadores sinalaron que o Goberno “asegurou que Adif traballa na documentación relativa ao expediente de posta en servizo da estación, para presentar na Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria”.
Con todo, os senadores do PP lucense reprocharon ademais que “Lugo disporá dunha nova estación, pero non contará con trens AVE”. “Lugo é a única provincia galega que queda fóra da alta velocidade porque Sánchez renunciou ás variantes ferroviarias que deixara proxectadas o anterior Goberno do Partido Popular”, lembraron. “Sánchez condena Lugo a ser unha provincia de segunda que perde competitividade e perde oportunidades, e todo co apoio do PSOE e a complicidade dos seus socios de Goberno, o BNG”, concluíron os senadores “populares”.
