A actualización das tarifas das residencias da rede provincial de Lugo abriu este xoves un novo enfrontamento entre o Partido Popular e o goberno da Deputación. Mentres os populares sosteñen que os novos prezos máximos supoñen incrementos próximos ao 60% e anuncian unha estratexia conxunta cos concellos para reclamar a súa retirada, o Executivo provincial nega que exista unha suba xeneralizada desa magnitude e acusa o PP de difundir datos “confusos”. Os deputados do Grupo Provincial Popular mantiveron unha reunión con representantes dos concellos lucenses que dispoñen de residencias de titularidade provincial para coordinar unha resposta común ao novo cadro tarifario aprobado por PSOE e BNG.
O portavoz popular na Deputación, Antonio Ameijide, asegurou que estudarán “todas as accións posibles” xunto con concellos, usuarios e familias para reclamar unha revisión inmediata das tarifas. Segundo os datos expostos polo PP, os prezos máximos das prazas para persoas autónomas pasarían de 1.080 a 1.750 euros mensuais, mentres que no caso das persoas dependentes aumentarían de 1.390 a 2.200 euros ao mes. Ameijide cualificou estas cantidades de “inasumibles” para numerosas familias, especialmente nunha provincia cunha poboación moi avellentada e, segundo destacou, cunhas das pensións máis baixas de Galicia.
A DEPUTACIÓN ACUSA AO PP DE CREAR “CONFUSIÓN INTERESADA”
Horas despois, o goberno provincial respondeu cun comunicado no que rexeita que exista unha suba xeneralizada do 60% e acusa os populares de xerar unha “confusión interesada” arredor do funcionamento do sistema tarifario. A Deputación lembra que as tarifas se actualizaron por primeira vez en oito anos e que o importe que paga cada residente non coincide necesariamente co prezo máximo, senón que depende da súa capacidade económica.
Segundo explica a institución, esta capacidade calcúlase tendo en conta a pensión e o patrimonio líquido, deixando fóra os primeiros 10.000 euros de aforro e outros bens como vivendas ou fincas. O goberno provincial cifra en 2.358 euros mensuais o custo efectivo dunha praza residencial, aínda que asegura que ningún usuario aboa o importe completo. Dos aproximadamente 400 residentes repartidos polos nove centros provinciais, a Deputación sostén que o 25% verá incrementada a súa cota en menos de 60 euros ao mes e que o 50% pagará menos de 200 euros máis ao mes.
O DEBATE ESTÉNDESE AO MODELO RESIDENCIAL GALEGO
A resposta do goberno provincial ampliou tamén o debate ao modelo de atención residencial en Galicia. O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, cuestionou o plan de novas residencias presentado recentemente pola Xunta e defendeu o modelo da rede provincial de Lugo. Rivera destacou que as residencias da Deputación manteñen unha fórmula de propiedade, xestión e dirección completamente públicas, fronte ao que definiu como un maior peso das prazas concertadas na planificación autonómica. Deste xeito, a actualización das tarifas das residencias provinciais queda convertida nun novo punto de confrontación política entre o PP e o goberno da Deputación, tanto polo impacto económico sobre os usuarios como polo propio modelo de xestión dos centros.
