InicioPolíticaA Deputación responde á Xunta que sempre cumpriu cos seus compromisos con...

A Deputación responde á Xunta que sempre cumpriu cos seus compromisos con MUFERGA

O delegado da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, cuestionaba o compromiso do ente provincial co Museo do Ferrocarril de Galicia

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Deputación de Lugo sinalou nun comunicado que mantén o seu compromiso coa Fundación dos Ferrocarrís de Galicia, entidade detrás do Museo dos Ferrocarrís de Galicia (MUFERGA). O comunicado dá resposta á cuestión do delegado da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, quen puxo en dúbida a implicación do goberno provicial.

Desta maneira, a Deputación responde que a achega correspondente ao exercicio 2025 atópase en tramitación. “A Deputación Provincial requiriu en reiteradas ocasións durante as últimas semanas a documentación necesaria para proceder á súa xestión”. Así, lembran que tras a recepción recente de dita documentación “puido iniciarse a fase de fiscalización, trámite preceptivo e ineludible previo a calquera formalización de pagamento.” A demora, polo tanto, non é imputable a esta institución.

Sobre as achegas provinciais do exercicio 2026, “a Deputación Provincial xa comunicou formalmente á Fundación dos Ferrocarrís de Galicia a necesidade de presentar a correspondente solicitude por rexistro. A día de hoxe, esta solicitude non foi presentada”. Ante isto, o goberno provincial apunta que “non se pode reclamar publicamente unha achega que nin sequera foi solicitada polas vías establecidos”.

En canto “á reunión do Padroado do pasado 30 de xuño foi convocada ás 12:00 horas, coincidindo co Pleno da Deputación Provincial de Lugo, circunstancia que imposibilitou a asistencia de calquera representante desta institución”. É por iso que á institución provincial lle resulta “cando menos cuestionable que se sinale a ausencia da Deputación sen mencionar este feito”.

Por todo isto, a Deputación Provincial de Lugo comunica que “rexeita calquera cuestionamento do seu compromiso co Muferga e coa conservación do patrimonio ferroviario galego. A institución provincial sempre cumpriu coas súas obrigas e continuará facéndoo”.

A DELEGACIÓN DA XUNTA CUESTIONA O PAPEL DA DEPUTACIÓN

A polémica saíu á luz cando o delegado territorial da Xunta para Lugo e presidente do Padroado da Fundación dos Ferrocarrís de Galicia (xestora de Muferga), Alfonso Villares, remitiu un escrito á Deputación onde preguntaba “se manterá o seu compromiso coa entidade e se cumprirá coas responsabilidades que lle corresponden como membro do padroado”,

Deste xeito, no escrito do delegado territorial aparecían unha serie de puntos como a falta de asistencia e pagamentos pendentes á Fundación. “A institución provincial non acode ás reunións do Padroado desde o 11 de setembro de 2024 e aínda ten pendente de ingreso a achega anual correspondente ao exercición 2025”.

O escrito tamén apuntaba á falta de implicación da Deputación fronte os demais integrantes que “manteñen o seu firme compromiso”, como a reunión do pasado 30 de xuño onde acordaron avaliar “un incremento retributivo do persoal do museo, segundo o convenio”. Por último, o delegado da Xunta cualificou de “urxente e necesario” que a Deputación concrete a súa implicación no Muferga e realice as achegas pendentes “para ofrecer certezas”.

Por último, nese mesmo documento, Villares salientou que o Muferga é un proxecto estratéxico e de referencia na conservación, investigación e difusión do patrimonio ferroviario galego, cun elevado valor cultural, turístico e divulgativo. Subliñou que a súa viabilidade require a corresponsabilidade de todas as institucións representadas no Padroado para seguir preservando un patrimonio no que a Fundación leva décadas traballando.

+ posts

ÚLTIMAS

O PSdeG de Lugo asegura que “os informes independentes desmontan o relato de descontrol” que levou a Candia á alcaldía

A portavoz do Grupo Municipal Socialista, Ana González Abelleira, puxo en valor os resultados...

A Deputación abre a vía para desbloquear a Casona do Incio

  A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, avanzou este martes que a institución...

O Concello de Lugo inicia o diálogo coas traballadoras do SAF de cara á mellora do servizo

O Goberno de Lugo mantivo unha primeira reunión co comité de empresa do Servizo...

A Deputación colabora co Agrocuir de 2026 para un rural diverso, libre e inclusivo

  A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou...