O Concello de Lugo constituíu este xoves as diferentes comisións previas de pleno e designou os seus presidentes, deixando á concelleira tránsfuga María Reigosa ao cargo de omisión de Urbanismo, Mobilidade, Obras e Zona Rural, un nomeamento que desatou as críticas dos partidos da oposición, PSOE e BNG, que, por outra banda, se abstivero na votación.
Elena Candia anunciara desde un principio que Reigosa se encargaría de “supervisar” a área de infraestruturas e urbanismo, algo que se fixo efectivo esta mañá de mércores. As críticas non se fixeron esperar e o portavoz do Grupo Municipal Socialista en Lugo, Miguel Fernández, acusou ao Goberno de Elena Candia de vulnerar deste xeito o espírito da lei antitransfuguismo.
Fernández cualificou o nomeamento de “profundamente revelador” e que evidencia a existencia de “pagos políticos” derivados da moción de censura que permitiu o cambio de goberno no Concello.
O dirixente socialista sostén que “este tipo de decisións non responden a criterios de capacidade nin de organización institucional, senón a equilibrios artificiais deseñados para repartir poder tras a moción de censura”.
Miguel Fernández considera que situar a unha edil tránsfuga á fronte dunha comisión de relevancia supón “unha burla” ao marco democrático e unha deterioración da calidade institucional.
O portavoz socialista foi especialmente crítico ao definir a situación como “insultante para a cidadanía” e asegurou que mesmo resulta difícil de asumir para os propios concelleiros do Grupo Popular.
Ademais, afirmou que o funcionamento normal das institucións está a desvirtuarse para soster acordos políticos “baseados en pagos encubertos”.
Pola súa banda, o BNG tamén foi crítico co nomeamento. O portavoz do BNG, Alexandre Penas, cualificou a situación de “lamentable” e criticou que a edil non adscrita pase a dirixir esta área “cando hai persoas dentro do propio equipo de goberno que levan anos traballando e xestionando estas materias e quedan agora relegadas a un segundo plano”.
Penas asegurou ademais que “a alcaldesa parece estar secuestrada pola omnipresencia da concelleira tránsfuga, que representa á dereita e ao centrodereita en Lugo”.
Ademais desta comisión, tamén se celebrou a comisión de Alcaldía, a de Cultura, a de Contas e a de Suxestións, segundo anunciou esta mañá a alcaldesa, que dá por pechado o proceso de cambio asegurando “que a administración local funciona con normalidade e todos os organismos están legalmente constituídos”, recalcando que no proceso “non houbo ningún voto en contra”.
CRÍTICAS DE CANDIA AO TREN MADRUGADOR
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, aproveitou a presentación do proxecto da pasarela que permitirá unir a nova Intermodal co centro da cidade para facer unha valoración sobre os cambios nos servizos ferroviarios, que considera “insuficientes”.
A alcaldesa fixo referencia á viaxe que realizaron o secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro e o líder do PSOE municipal, Miguel Fernández, no novo tren madrugador a Madrid, asegurando que aplauden o feito de adiantar o horario, pero que é “unha proposta pouco ambiciosa”.
A mandataria lucense engadiu que seguen demandando máis frecuencias, a conexión real e efectiva coa alta velocidade e a recuperación do tren diario a Barcelona, “moi demandado polos veciños desta cidade”.
PASARELA CARA Á INTERMODAL
Elena Candia manifestouse así no momento en que ela e o concelleiro de Urbanismo, Ramón Cabarcos, anunciaban este xoves a firma dos acordos que permitirán iniciar o proceso de expropiación para obter os terreos necesarios para desenvolver o proxecto que permitirá unir a nova Intermodal co centro da cidade mediante un percorrido accesible, cómodo e integrado na contorna urbana.
Os terreos que pasarán a ser de titularidade municipal, de propiedade particular de varias persoas, corresponden á franxa situada xunto ao edificio administrativo multiusos da Xunta de Galicia, entre a rúa Miguel de Cervantes e a Rolda da Muralla.
A actuación contempla, ademais da incorporación deste chan ao patrimonio municipal, a modificación puntual da PXOM necesaria para facer viable o proxecto. Este documento urbanístico atópase xa en fase final de elaboración e será levado proximamente ao pleno municipal para a súa aprobación.
