A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, defendeu o labor do tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, e advertiu ao Partido Popular de que o ano que vén “volverán á oposición” porque “Lugo non lle perdoará aos traidores e os veciños darano a coñecer nas urnas”. Así o trasladou na súa visita este mércores á cidade para acompañar aos concelleiros do BNG na súa última xornada como parte do equipo de goberno, horas antes de que teña lugar a moción de censura proposta polo PP coa apoio da tránsfuga María Reigosa.
“Dentro dun ano verase que Lugo non recompensa este tipo de prácticas e que a cidade recuperará o seu progreso con dignidade”, afirmou. Ademais, volveu cualificar esta moción de “ilexítima, indecente e antidemocrática” e recoñeceu o traballo levado a cabo polo equipo de Rubén Arroxo nos últimos anos “para deixar un Lugo transformado e moderno”.
Recriminou ao Partido Popular “estar disposto a todo para facerse co poder” nunha dinámica que, ao seu xuízo, “non ten límites” e na que prima “o poder polo poder” por riba dos intereses da cidade. Tamén se mostrou convencida de que a cidadanía castigará esta actuación nas urnas: “Lugo non vai tolerar traizóns nin maniobras como esta, nin que se utilicen tragedias ou recursos públicos para alterar maiorías”. Así mesmo, insistiu en que os veciños merecen “respecto tanto ao seu voto como á súa dignidade”. “Preténdese decidir en despachos o que non se logrou nas urnas”, subliñou.
“NON TEÑEN OS NÚMEROS”
A líder nacionalista puxo en cuestión o momento escollido para presentar a moción, a só un ano das eleccións municipais, e atribuíuno a que o PP “non tiña os números” e optou por recorrer a prácticas que, segundo dixo, “vulnera mesmo as súas propias normas internas”, “como a compra de voluntades”. Nesa liña criticou que os populares trataran de “normalizar o transfuguismo”, a pesar de que os seus estatutos o consideran unha falta “moi grave”. “Queda claro o valor real que lle dan aos seus principios”, sinalou, denunciando que o PP “non respecta nin a democracia nin as regras do xogo”.
Pontón tamén apuntou que esta iniciativa responde á “incomodidade” do PP ante a comparanza entre a súa xestión en Galicia e “os avances alcanzados en concellos gobernados polo BNG”, como Lugo. Neste contexto, acusou o goberno de Alfonso Rueda de ter paralizado proxectos clave, poñendo como exemplo o Cuartel de San Fernando, e de “desviar” recursos que deberían terse investido na cidade.
PARALIZACIÓN DE PROXECTOS
Pola súa banda, Rubén Arroxo destacou o “desgusto existente” na poboación, “ata entre votantes do PP”, ante unha moción que tamén cualificou de “antidemocrática e ilegítima”, e alertou da “incerteza” que pode xerar na cidade. Asegurou que había numerosos proxectos en marcha que agora quedan nunha situación incierta, o que, advertiu, “está a xerar preocupación entre quen tiñan previsto investir ou desenvolver iniciativas en Lugo”.
Ao seu xuízo, esta decisión é especialmente prexudicial para unha cidade que estaba “a experimentar un importante crecemento, superando por primeira vez os 100.000 habitantes, vivindo unha transformación significativa nos últimos anos e acadando cifras récord en ámbitos como o turismo”. Arroxo concluíu sinalando que, aínda que “se abre unha etapa de inestabilidade, tamén o é de oportunidade”: “Quedan doce meses para devolverlle a dignidade a Lugo e ese tempo traballaremos para conseguilo”.
