O Pazo contará cun mural dedicado a Ensino Lugo, obra do artista Rubén Paz. O muralista comezou este luns o deseño, que contará cunha superficie de 30 metros de ancho por 15 metros de alto.
O vicepresidente da Deputacíón Efrén Castro e as xogadoras ensinistas seguiron esta mañá de preto os primeiros pasos na creación do mural na fachada oeste do edificio, onde se recoñece xa o trazo das figuras centrais do deseño, unha homenaxe ao club con referencias ao patrimonio da cidade.
Efrén Castro explicou que “esta intervención artística recoñece a traxectoria do Ensino como emblema do deporte lucense ao tempo que embelece e reforza a dimensión simbólica do Pazo da man dun dos muralistas lucenses con maior recoñecemento internacional”.
O responsabel provincial destacou que “o mural responde a un compromiso con Ensino que se foi demorando polas actuacións na fachada e na cuberta e que desenvolvemos finalmente nunha tempada moi destacada para o club tanto pola sua clasificación para a Copa como pola súa traxectoria na Liga”
Efren Castro lembrou que “esta intervención artística se veu madurando en paralelo ás actuacións que se desenvolveron nos últimos anos para mellorar as condicións do Pazo como espazo deportivo e nas que seguimos traballando con proxectos como a ampliación da capacidade”
O traballo continuará durante os vindeiros días -cunha planificación condicionada pola meteoroloxía- nos que o mural tomará o aspecto definitivo co recheo de cor.
