InicioPolíticaO pleno da Deputación esixe á Xunta rectificar a reforma da residencia...

O pleno da Deputación esixe á Xunta rectificar a reforma da residencia das Gándaras

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, subliñou que a habitación representa para moitas persoas maiores o seu único espazo de intimidade dentro do centro e recalcou que unha residencia "non é un almacén, senón un fogar".

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou este martes esixir á Xunta que rectifique o proxecto de reforma da residencia das Gándaras “para garantir a dignidade e os dereitos das persoas maiores usuarias do centro”.

A iniciativa, presentada polo PSdeG, saíu adiante cos votos favorables de socialistas, BNG e o deputado non adscrito, e o rexeitamento do PP. En concreto, a moción reclama a paralización inmediata das obras que prevén transformar habitacións individuais en dobres nesta residencia, unha das máis grandes da cidade de Lugo con 218 prazas.

Así, o goberno provincial considera que a reconversión de estancias “vulnera a intimidade” dos residentes e aposta por un modelo baseado en unidades de convivencia que priorice espazos individuais fronte a fórmulas que, ao seu xuízo, “supoñen un retroceso na calidade asistencial”.

A presidenta da Deputación, Carmela López, defendeu que Lugo debe situarse como unha cidade que coida aos seus maiores e lembrou as mobilizacións promovidas por residentes e familias en contra do proxecto.

Na mesma liña, o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, subliñou que a habitación representa para moitas persoas maiores o seu único espazo de intimidade dentro do centro e recalcou que unha residencia “non é un almacén, senón un fogar”.

Neste contexto, o acordo plenario insta á Xunta a modificar o proxecto para manter as habitacións individuais e a convocar unha reunión coa administración autonómica, a dirección do centro, os representantes dos residentes e as familias afectadas, co obxectivo de acordar calquera reforma futura.

ATENCIÓN Á DIVERSIDADE

Noutra orde de asuntos, o pleno aprobou outra moción socialista para reclamar ao Executivo autonómico o “reforzo urxente” do persoal de atención á diversidade nos centros educativos públicos. A proposta contou tamén co apoio de PSdeG, BNG e o deputado non adscrito, e o voto en contra do PP.

A deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, alertou da falta estrutural de profesorado especialista, especialmente en Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe, o que, segundo indicou, “impide garantir unha educación inclusiva e adaptada ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo”.

A iniciativa reclama a posta en marcha inmediata dun plan de choque que reforce os recursos humanos e económicos destinados á atención á diversidade, a revisión dos criterios de asignación e cocientes de profesorado especializado e a cobertura efectiva de todas as prazas necesarias para evitar desigualdades entre municipios.

Así mesmo, o pleno aprobou por unanimidade unha Declaración Institucional con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, centrada no recoñecemento ás mulleres que sosteñen a administración local e desempeñan funcións crave na xestión provincial, desde a planificación de servizos ata a xestión económica e a prestación directa de atención á cidadanía.

REXEITADAS AS INICIATIVAS DO PP

Doutra banda, o Grupo Provincial do PP criticou o voto en contra de PSOE e BNG a dúas iniciativas presentadas, ao considerar que o goberno provincial “vota en contra dos lucenses” e perde a oportunidade de apoiar tanto aos concellos como ás persoas “máis vulnerables”.

En concreto, os populares propuñan a creación dun plan extraordinario dotado con polo menos 5 millóns de euros para axudar aos 67 municipios da provincia a reparar infraestruturas danadas polos últimos temporais, especialmente camiños rurais de titularidade municipal.

A iniciativa incluía axudas “directas e urxentes”, un procedemento administrativo simplificado e asistencia técnica provincial para avaliar danos e executar as actuacións necesarias. O PP defendía que moitos concellos non teñen capacidade económica para asumir estes custos e que o actual Plan Deputación “resulta insuficiente” para afrontar obras de emerxencia.

O viceportavoz popular, Demetrio Salgueiro, subliñou que os temporais causaron importantes danos e que é competencia da Deputación cooperar cos municipios. Con todo, a proposta foi rexeitada cos votos en contra de PSOE e BNG.

Doutra banda, o PP tamén solicitaba que a Deputación instase o Goberno central a retirar o recurso presentado ante o Tribunal Constitucional contra o plan de axilización da dependencia impulsado pola Xunta. Segundo os populares, este recurso “bloquea medidas” que simplifican trámites e permiten o recoñecemento automático da discapacidade a persoas con dependencia xa acreditada.

O portavoz popular, Antonio Ameijide, acusou ao Goberno de Pedro Sánchez de “prexudicar a Galicia e aos dependentes”, e insistiu en que o recurso responde a motivos económicos, “xa que as exencións fiscais derivadas do recoñecemento automático da discapacidade suporían que o Estado deixase de ingresar uns 114 millóns de euros en 2025”.

Ameijide tamén denunciou que o Estado “non cumpre coa súa obrigación de financiar o 50% do sistema de dependencia” e que a súa achega ha ido diminuíndo nos últimos anos, o que, ao seu xuízo, xerou unha débeda acumulada con Galicia.

RECLAMACIÓN Á XUNTA POLO PATRIMONIO

Con todo, a Deputación reclamará á Xunta unha actuación planificada e preventiva para protexer o patrimonio da provincia e evitar danos irreversibles en bens culturais. A iniciativa, impulsada polo BNG, foi aprobada no pleno deste martes a pesar da oposición do PP.

Durante o debate, a deputada nacionalista Iria Castro criticou a “falta dunha política de conservación eficaz” por parte do Goberno galego, ao que corresponde a protección dos Bens de Interese Cultural (BIC).

Na mesma sesión, o pleno aprobou por unanimidade unha moción para esixir ao Goberno central unha rehabilitación integral da N-540, a principal vía de conexión entre Lugo e Ourense. O BNG reclamou “reparacións urxentes” nos tramos máis deteriorados durante o primeiro semestre de 2026 e a posta en marcha dunha reforma estrutural da estrada.

Nesta liña, o deputado Daniel García advertiu do risco que supón o estado actual da vía para a seguridade dos usuarios e denunciou “o déficit de investimento en infraestruturas viarias na provincia”.

+ posts

ÚLTIMAS

OPINIÓN: Aval definitivo ao “valor de referencia”

QUE É O VALOR DE REFERENCIA? Comecemos polo principio abordando brevemente que é isto do...

O PP denuncia diante da Garda Civil o ataque contra o busto de Fraga en Vilalba

O PP de Vilalba formalizou ante a Garda Civil denuncia polo ataque que sufriu...

Os GES toman Lugo para esixir recoñecemento laboral e ameazan con folga se non hai solución

Bombeiros dos corpos dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) concentráronse este martes ante a...

O PP provincial acusa a Carmela López de manter “as imposicións” de Tomé sobre os traballadores de Tragsa

Os deputados do Grupo Provincial Popular lamentan que Carmela López perdera hoxe “unha oportunidade...