O Partido Socialista de Galicia difundiu este venres documentos nos que figura o nome da actual candidata do PP á Alcaldía de Lugo, Elena Candia, como persoa que entrega á Fiscalía os anónimos que orixinaron a investigación xudicial contra o que fose secretario xeral do PSdeG entre 2013 e 2016, José Ramón Gómez Besteiro.
En concreto, o PSOE provincial de Lugo difundiu un escrito entregado na Fiscalía Provincial de Lugo o 5 de marzo de 2013 no que o Grupo Provincial do PP, do que era entón portavoz Candia, fai entrega de dous documentos nos que sinala que “se describen accións de gran relevancia” e “posible incumprimento da legalidade”.
Ademais, os socialistas lucenses informan doutro documento, neste caso do 14 de marzo, no que Elena Candia fai unha declaración testifical ante o fiscal e di que “o escrito que presentou en Fiscalía fíxoselles chegar ás súas oficinas da deputación de forma anónima” xa que “o atoparon dentro dun sobre en branco sen ningunha anotación”.
Nestes documentos, segundo indicaron fontes socialistas, fan referencia ás denuncias contra o que era xefe de protocolo da Deputación de Lugo, Juan Carlos Fernández Pulpeiro, por un suposto delito de acoso laboral a unha funcionaria. Esta peza deu orixe á Operación Polbo, iniciada por Pilar de Lara, sobre irregularidades na institución provincial, a última causa na que o que fose líder do PSdeG e presidente desta institución provincial, José Ramón Gómez Besteiro, figurou como investigado. A peza foi arquivada.
O PSOE de Lugo cualifica a actuación da candidata do PP á Alcaldía de Lugo como unha “artimaña mezquina” coa “única vontade de sacar rédito electoral e destruír” ao por entón secretario xeral do PSdeG e candidato á Presidencia da Xunta.
LAGE PIDE A DIMISIÓN DE CANDIA
Ademais, despois de que o xoves o presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alfonso Rueda, pedise ao PSdeG que “tente non facer política” e asegurase que os socialistas sabían “dabondo” que “non é certo” o asunto dos anónimos, o secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage, sostivo que “queda demostrado que o PP utilizou anónimos para sacar a Besteiro da política”.
“Rueda ou mentiu onte cando aseguraba que era falso o que eu dicía ou ignoraba as prácticas miserables de Elena Candia como portavoz do PP provincial de Lugo”, asegurou Lage, que insta a Rueda a cesar a Candia como candidata á Alcaldía de Lugo. “Candia está inhabilitada para representar aos veciños de Lugo, a utilización de anónimos para sacar a Besteiro da política é en grao sumo rastrero que vimos nos últimos tempos”, subliña.
RESPOSTA DO PP
O PP de Lugo emitiu un comunicado este venres no que admite que a presidenta provincial e candidata á Alcaldía para as eleccións do próximo 28 de maio, Elena Candia, entregou en 2013 documentación recibida “de forma anónima” no grupo provincial que “podería ser constitutiva de delito”. Pero alega que foron “un fiscal e un xuíz” quen decidiron emprender unha investigación contra o socialista José Ramón Gómez Besteiro.
Os populares lucenses pronunciáronse tras difundir o PSOE varios documentos que proban non só que Candia entregou documentación recibida de forma anónima, senón que fixo unha declaración testifical ante o fiscal. O presidente galego e líder do PPdeG, Alfonso Rueda, pedira aos socialistas “non facer política” na pasada xornada cun asunto que –defendeu– “saben dabondo que non é certo”.
Este venres, os populares defenden que Candia, no ano 2013, “cumpriu coa obrigación implícita a calquera cargo público, tal e como se recolle no artigo 262 da lei de enxuiciamiento criminal, de pór en coñecemento das autoridades” que “chegou de forma anónima ao Grupo Provincial unha documentación que podería ser constitutiva de delito”.
“Resulta sorprendente que haxa alguén desde o PSOE que suxira que se oculta unha información que a lei obriga a facilitar. As informacións que achegan hoxe desde o PSOE non son ningunha novidade e deron lugar a uns feitos que xa se relataron en numerosas ocasións e que serían motivo da mesma actuación en caso de repetirse”, indica o PP lucense. Os populares recalcan, así mesmo, que “nin Elena Candia nin o PP denunciaron nin se personaron en ningunha das múltiples causas que deron lugar a varias imputacións do señor Besteiro. “Quen inician unha investigación a Besteiro foron un fiscal e un xuíz, nunca Elena Candia“, apostilan.
NON ENTRARÁ “EN PROVOCACIÓNS”
O PP advirte que non entrará “nas provocacións” que atribúe ao PSOE para “desviar a atención da noticia que hoxe si é importante para Lugo: o visto e prace da Xunta para a demolición das torres do Garañón, un asunto que foi un dos principais expedientes polos que Besteiro foi investigado”.