InicioPolíticaLópez Orozco, "aliviado" tras concluír a súa "vía crucis" xudicial

López Orozco, “aliviado” tras concluír a súa “vía crucis” xudicial

A número tres do PSOE de Lugo asegura que as imputacións a Besteiro e Orozco fixeron "dano" ao partido.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O exalcalde de Lugo José López Orozco asegurou estar aliviado tras a súa “vía crucis” xudicial que conclúe coa súa exculpación na peza que investigaba unha concesión do servizo da ORA da cidade, dentro da operación Pokémon iniciada hai máis dunha década pola xuíza Pilar de Lara.

O exrexedor socialista chegou a estar imputado en dez causas, unha situación que o levou a abandonar a política tras as eleccións municipais de 2015 cando Lugonovo, BNG e Esquerda Unida o vetaron para un novo mandato que sería o quinto desde 1999.

Agora o xulgado de Instrución número un de Lugo concluíu a investigación relativa a presunta adxudicación fraudulenta, en 2009, do contrato de xestión do servizo de regulación de aparcadoiros na vía pública, ORA, no concello de Lugo e ordena que a causa siga contra catro persoas, tres directivos da empresa Vendex e o que fora concelleiro Francisco Fernández Liñares, á vez que exculpa a Orozco.

O exalcalde celebra que “como un castelo de naipes foron caendo todas as investigacións” que pesaban sobre a súa persoa e asegura sentirse “con total liberdade e alivio”. “Estou moi satisfeito”, sinalou. “E estou moi satisfeito non só por min senón pola miña familia, polos meus amigos e por todos aqueles que confiaron sempre na miña inocencia”, sentenciou.

Orozco recoñeceu que viviu unha “vía crucis xudicial moi grande”, no entanto matizou que “cando chega este momento esquécese o pasado e mira ao futuro”. “Espero que nunca máis volva suceder, era unha investigación que se baseaba en meras sospeitas, como di o auto, e espero que nunca máis un político teña que abandonar o seu cargo por presión doutros partidos políticos sen haber ningunha sentenza ou sen haber probas como era o meu caso”, desexou.

Finalmente, sobre se espera as desculpas de quen o obrigaron a deixar a Alcaldía de Lugo, Orozco tirou de ironía e soltou que recibiu as desculpas “dun” e “media desculpa doutro” que, segundo apunta, non aceptou “como tal” ao considerar que “foi coa boca pequena”.

PSOE DE LUGO

A secretaria de Organización do PSOE de Lugo e portavoz socialista na Deputación, Pilar García Porto, asegurou este venres que as imputacións a Besteiro e Orozco lle fixeron “dano” ao partido. García Porto sostivo que “o conxunto da organización se viu afectada”. “Pero o máis doloroso nestas cuestións, cando se restablece a xustiza e se volve á normalidade, é saber que estas persoas fixeron unha longa travesía para demostrar unha inocencia”, sostivo.

Viron truncada unha traxectoria vital que nunca se vai volver retomar ao mesmo punto no que se atopaba aínda que é lícito e alegraríame que en ambos os casos decidisen participar activamente en política”, lamentou. Con respecto aos dous políticos socialistas, García Porto queixouse de que “o castigo é duro”. “E atrévome a dicir que cruel pola duración e polo que afecta á traxectoria vital das persoas”, afirmou.

Do exalcalde López Orozco, que sortea a súa décima imputación, a número tres do PSOE de Lugo trasladou que desde o PSOE se alegran “enormemente de que por fin se resolvese unha inxustiza tan tremenda e que se prolongou durante 13 anos”, logo que a investigación sobre a ORA arrincase en 2009.

ÚLTIMAS

Ainhoa Arteta inaugura coa súa potente voz e ante un cheo total o novo Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo

Tras oito anos de espera, este venres abriu as súas portas o novo auditorio...

O luns abre o prazo para apuntarse nas actividades da Reserva Terras do Miño

A Deputación de Lugo abrirá o vindeiro luns o prazo para inscribirse nas novas actividades ambientais...

Denuncian un home en Lugo por levar un martelo-machete de cociña e un coitelo na vía pública

Axentes da Policía Local de Lugo identificaron e denunciaron a un home que portaba...