José Manuel Balseiro, novo coordinador xeral e portavoz do PP de Lugo

O deputado autonómico coordinará toda a actividade do partido na provincia a través das vicesecretarías, dos coordinadores territoriais e dos grupos institucionais.

José Manuel Balseiro, en rolda de prensa.

A presidenta provincial dos populares lucenses, Elena Candia, designou a José Manuel Balseiro como novo coordinador xeral do PP de Lugo.

A esta nova responsabilidade súmase tamén, segundo informa o PP de Lugo nun comunicado, a condición de portavoz da formación popular, así como a súa incorporación con esta función ao Comité Executivo, máximo órgano de dirección do partido na provincia.

A designación do coordinador xeral constitúe unha das novidades nas que traballa o PP de Lugo tras o seu congreso do pasado mes de setembro e supón, defenden os populares, “un paso decisivo” para “profundar na unidade orgánica, conformando un equipo de dirección que une capacidade de traballo, experiencia e renovación”.

O deputado autonómico coordinará toda a actividade do partido na provincia a través das vicesecretarías, dos coordinadores territoriais e dos grupos institucionais.

Todo o novo equipo de dirección, baixo o liderado de Elena Candia, traballa co obxectivo de que o PP “siga crecendo e fortalecendo” a súa presenza nos municipios da provincia e “seguir merecendo a confianza maioritaria” dos lucenses.