InicioPolíticaJosé Ángel Santos: "Non me arrepinto para nada das críticas a Medio...

José Ángel Santos: “Non me arrepinto para nada das críticas a Medio Rural, eu débome aos meus veciños”

O alcalde de Friol afonda nas razóns do seu malestar coa Consellería e defende a importancia de coñecer de primeira man os problemas da veciñanza do rural. "Non podemos xeralizar e implantar servizos a nivel autonómico, porque non temos as mesmas necesidades no interior da provincia ca no Courel", exemplifica.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O alcalde de Friol, José Ángel Santos (PP), situouse no foco mediático hai unhas semanas tras verter duras críticas contra a xestión da actual Consellería de Medio Rural, en mans do ourensán José González. As declaracións públicas do friolés non sentaron ben no Goberno galego e Feijóo axiña lle retrucou para lembrar que dentro do Partido Popular existen canles internas para expresar disconformidade.

Con todo, Santos mantense na súa posición. “Ás veces hai que petar na mesa para que te escoiten“, di, convencido de que a quen hai que prestar máis atención é aos propios habitantes do medio para non caer en “visións urbanitas ou xeralistas”. O rexedor de Friol parece ter claro cales son os pasos a seguir e as medidas a tomar, tanto que mesmo as vai enfiando unha tras doutra nun discurso que parece mastigado.


LUGO XORNAL: Como definiría a situación actual do rural? 

JOSÉ ÁNGEL SANTOS: É unha oportunidade que non se pode deixar escapar. Coa actual conxuntura sanitaria estase vendo que a realidade do rural non se corresponde coa visión que había nas cidades. Cada vez hai máis servizos públicos, sociais, facilidades para conciliar… Os concellos estamos máis implicados. Hai que aproveitar esta situación que por desgraza presenciamos e ser capaces de trasladar a calidade de vida que temos. O rural vai ser visto con outros ollos, pero dende os municipios pequenos temos que saber facer ese efecto-chamada para que a xente vexa viable vivir aquí.

“O rural vai ser visto con outros ollos”

LX: Cales son os retos máis urxentes? 

SANTOS: Non podemos falar de retos en xeral, porque cada sector precisa de medidas individualizadas. O sector gandeiro, por exemplo, vese afectado pola falta de persoal nas explotacións. Necesitamos man de obra cualificada, así que sería necesario un plan de formación a nivel autonómico para persoas mozas. Outra problemática enorme é a homologación dos contratos do leite. Oxalá poidamos ver pronto iso porque non pode ser que en Galicia teñamos uns dos prezos máis baixos de España a pesar de producir tanto.

LX: Falaba de medidas para outros sectores. Cales serían útiles?

SANTOS: No sector agrario, o máis rechamante é a PAC: o reto é que por fin haxa un reequilibrio no pagamento da superficie para minimizar as grandes desigualdades que existen. Pero tamén neste sector estamos faltos de man de obra e aquí son necesarias medidas máis á carta: temos que fomentar a comercialización dos produtos galegos, poñer en valor a súa calidade inmellorable e darlle moita importancia aos mercados de proximidade.

Por outro lado, no sector forestal, é moi importante facer unha boa planificación e ordenación. Que non só haxa un plan con ese nome, senón que realmente sexa efectivo e satisfaga o monte, que diversifique os seus usos.

“O meu malestar débese aos atrasos nunha solicitude de concentración parcelaria”

LX: Unha das críticas que a miúdo soan respecto das políticas da Xunta para o rural é o descoñecemento do propio medio. Pasou nas últimas semanas, por exemplo, a fío da problemática do transporte no Courel. Hai unha visión ‘urbanita’ do rural?

SANTOS: Si, porque non podemos xeralizar e implantar servizos a nivel autonómico, hai que mirar as necesidades por territorios. Non é o mesmo establecer un servizo no interior da provincia ca no Courel. É fundamental coñecer as inquedanzas da xente que vive no sitio. Se as Administracións non facemos iso é difícil que os servizos teñan éxito. Así, por un lado, non malgastamos diñeiro público e, polo outro, ofrecemos os servizos axeitados. Pódense cometer erros, pero o importante é tentar atallalos.

CONFLITO COA CONSELLERÍA

LX: Vólvese inevitable comentar a polémica xurdida polas declaracións que fixo sobre a Consellería de Medio Rural. Ao parecer, non gustaron moito en San Caetano. Arrepíntese ou reafírmase e mantén esas críticas?

SANTOS: Non me arrepinto para nada. Eu defendo os intereses do rural e débome aos meus veciños de Friol. Que conste que as discrepancias públicas na política de Medio Rural non van dirixidas á persoa do conselleiro, senón á súa xestión. Aínda así, o conselleiro ten que responder polas súas accións, porque ese é o seu papel.

O meu malestar débese principalmente aos atrasos nunha solicitude de concentración parcelaria en dous núcleos de Friol (Seoane e Mundín). Foi solicitada no ano 2007 e xa levamos máis de dous anos con todos os informes aprobados. A pesar de ser algo fácil e barato de executar, ademais de moi demandado na zona, non se está levando a cabo.

A xente pensa que eu estou en contra das ferramentas da Consellería, pero non é así. As aldeas modelo, por exemplo, son un recurso máis que pode funcionar en determinadas zonas, pero o que non se pode facer é implantalo en todos os lugares porque non en todos é viable. É unha ferramenta seguramente positiva, pero non se pode habilitar fondos para as aldeas modelos e restalos para concentracións parcelarias, porque son un instrumento idóneo para zonas agrogandeiras. Aquí en Friol o que necesitamos é recuperar terras improdutivas.

“Se un sente o seu territorio abandonado, teno que dicir”

LX: Hai certa sensación entre a veciñanza da provincia de que vostede non cala as críticas por moito que vaian dirixidas a persoas do propio partido. É consciente desta imaxe?

SANTOS: Eu só quero e demando o mellor para os veciños. Entendo que se os veciños me ofrecen o seu apoio para ser alcalde, eu teño que dalo todo. Por iso, se un se sente abandonado e se sente o seu territorio abandonado, teno que dicir. Ás veces hai que petar na mesa para que te escoiten e vexan que hai un problema e unha demanda. Antes de facer públicas esas críticas, eu xa usara moitas vías. Había compañeiros do partido que xa coñecían este malestar. A min dáme igual que só sexan 15 veciños os que están afectados; eu debo defendelos igual, porque o futuro das súas explotacións depende diso. E a min iso dóeme como alcalde, pero tamén como gandeiro.

EXPECTATIVAS TRAS A CRISE

LX: Que agarda da época post-pandemia? Haberá un rural máis vivo? Seremos unha sociedade mellor?

SANTOS: Considero que a Xunta tomou as medidas apropiadas para deixar a pandemia atrás, pero temos que estar preparados para a pandemia económica. Necesitamos ter altura de miras para que a repercusión sexa a mínima posible. Respecto a se seremos mellores persoas, o que penso é que isto vai deixar unha pegada en nós para sempre. Quedaranos a idea de que temos que ser máis responsables porque llelo debemos ás persoas que perderon seres queridos. Non pode ser que se sigan vendo festas ilegais nestes momentos tan complicados, por exemplo.

LX: Se cadra esa idea de responsabilidade non está moi clara no caso dos políticos que se coan no proceso de vacinación. Pasou coa alcaldesa de Boimorto, do seu partido. Que valoración lle merece?

SANTOS: Non é algo sobre o que poida opinar, porque non a coñezo a ela nin sei moito do caso. Habería que ver cal é o protocolo de vacinación da residencia, pero desde logo as persoas que exercemos un cargo público temos que ser responsables no propio cargo e no noso día a día.

O FUTURO PERSOAL

LX: Vostede é alcalde e gandeiro. Que parte lle pesa máis?

SANTOS: Son dúas cousas moi diferentes. Eu sempre estiven no medio do gando nunha explotación de leite. É a miña vocación, pero tamén teño a vocación política e de xestión municipal, e iso require a máxima implicación.

LX: Daquela, prevé seguir nese camiño durante moito tempo presentándose á alcaldía baixo o paraugas do PP?

SANTOS: De momento imos acabar esta lexislatura. Dentro de dous anos, cando chegue o momento de decidir, xa se mirará se continuar ou deixalo. Eu véxome xunto ao meu equipo, que é espectacular e aos que lles agradezo moito o seu traballo, así que o que é seguro é que seguirei con eles.

ÚLTIMAS

Ferida unha muller por arma branca nunha liorta entre catro persoas

Unha muller resultou ferida ao ser alcanzada por unha arma branca durante unha liorta...

Accidente de tráfico en Chantada: bombeiros liberan ao condutor atrapado

Os bombeiros liberaron empregando material de excarceración ao condutor dun vehículo que sufriu un...

Ángeles Vázquez ve igual de importante o expediente de Altri como o de ampliar unha granxa

A conselleira de Medio Ambiente, Anxos Vázquez, asegura que é "igual de importante" para...

Alfonso Rueda e Ana Pontón coinciden no San Froilán

O presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alfonso Rueda, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón,...