InicioSociedadeO ano no que o rural da provincia gañou veciños: un espellismo...

O ano no que o rural da provincia gañou veciños: un espellismo ou unha tendencia de futuro?

Concellos da contorna de Lugo ou da Montaña incrementaron a súa poboación por primeira vez en moitos anos. Friol, por exemplo, rexistrou un incremento de 102 habitantes. "A xente está descubrindo o rural como algo habitable": esta é a cara máis positiva da pandemia. Con todo, non morre a reivindicación de medidas específicas para seguir combatendo o declive demográfico.

PUBLICADA O

- Advertisement -

“Cando esta pandemia remate, as aldeas galegas van volver repoboarse”. A frase pronunciouna a neurocientífica Sonia Villapol (Bretoña – A Pastoriza) nunha entrevista ao Lugo Xornal aló por principios de abril. O final deste conto aínda non semella moi próximo, pero hai datos que fan pensar que se cadra non ía tan desencamiñada no seu prognóstico. Ou é un espellismo? 

O mapa demográfico da provincia de Lugo píntase por primeira vez de cores positivas en moitos concellos que arrastraban anos de declive poboacional. A falta do informe oficial do Instituto Nacional de Estatística (INE) para o 2020, que será remitido dentro dun ano, os gobernos locais fan as súas contas en base ao padrón municipal e descobren gratas sorpresas. É o caso de Friol, por exemplo, que rematou o ano con 102 habitantes máis ca os que tiña ao inicio.

“No 2019 mitigárase o descenso. No 2020 concretouse a suba e esperemos que no 2021 se consolide”

O rexedor local, José Ángel Santos (PP), móstrase optimista e ofrece máis detalles ao respecto. Dende xaneiro ata fins de novembro, Friol rexistrou 201 altas (24 nacementos, 159 empadronamentos dende outros municipios e 18 de persoas estranxeiras), fronte a 99 baixas (51 por cambios de domicilio e 48 por defunción). “No ano 2019 xa se mitigara a liña descendente, que antes baixaba de forma drástica. No 2020 concretouse a suba, algo que non se vía dende o 2006. Esperemos que neste 2021 se consolide o aumento”, expresou Santos.

MEDIDAS DE APOIO

Este incremento de poboación explícase, segundo o alcalde, non só pola pandemia, senón tamén pola “continua aposta” do Concello por subvencións, bonificacións, medidas de conciliación… que “favorecen que a xente asente aquí”. Santos destaca, especialmente, os recursos dirixidos a nenos e nenas en forma de escola infantil ou actividades extraescolares.

“Hai parellas mozas que alugaron un piso en Friol. Eses matrimonios poden vivir aquí e traballar onde sexa tranquilamente, porque teñen medios para conciliar”, sinala, ao tempo que celebra o “insólito” dato de 24 nacementos no municipio durante o pasado ano. “Era algo que non se vía dende o 2003, máis ou menos”.

A proximidade a Lugo capital —que pode xogar a favor, pero tamén na súa contra— sería outro dos factores a ter en conta á hora de analizar a evolución demográfica. “Se algo se pode sacar positivo da pandemia é que a xente se deu conta das vantaxes do rural”, remata o rexedor friolés.

“O RURAL COMO UN ESPAZO HABITABLE”

Tamén o considera así Ramiro Martínez, presidente do Centro de Desenvolvemento Rural Ancares, sito en Cervantes. “A xente está descubrindo o rural como algo habitable, non tan atrasado, un lugar onde montar negocios…”, pensa. Aínda así, precisa que non basta con agardar a que se sumen veciños sen máis, senón que cómpre “facilitarlles” a vida para conseguir que non marchen os que xa estaban.

“Non se pode planificar o mesmo para San Román ca para Madrid”

Refírese, por suposto, á necesidade de reforzar o transporte, mellorar a conexión a Internet, ampliar os servizos sociais e culturais… “E que teñan en conta o territorio e o número de habitantes”, pide, partidario de fuxir da óptica urbanita. “Non se pode planificar o mesmo para San Román ca para Madrid, como tampouco é o mesmo atender un enfermo en Donís ca no Paseo da Castellana”.

O TELETRABALLO FAVORECERÁ A VOLTA AO RURAL?

Cervantes, Baralla ou Becerreá son concellos da Montaña que tamén viron incrementada a súa poboación neste ano. Canto influíu o coronavirus nisto? Quen sabe! “Eu creo que vai pesar máis o tema do teletraballo”, aventúrase Ramiro Martínez. As aldeas e vilas rurais acollerán máis habitantes ao tempo que se vaia implantando esta nova maneira de traballar. “Tamén influirá o shock que produciu ver como as residencias coidaban os nosos vellos”, engade.

O rural, di, está cheo de dificultades ligadas á falta de recursos, pero tamén de vantaxes que van volvéndose cada vez de maior importancia. “O virus foi capaz de trastocar as relacións sociais e veciñais, pero non foi capaz de rompelas. Na Montaña a xente seguiu axudándose. A pandemia demostrou que A Montaña é coidadora, é humana“. E iso é, ás veces, todo canto necesitamos: os coidados e a tranquilidade no centro da vida.

ÚLTIMAS

Arden varios colectores de madrugada na cidade de Lugo

Varios colectores arderon na madrugada deste mércores na Estrada da Granxa, na cidade de...

Ángel Pérez, novo alcalde de Guntín con 27 anos

O pleno do Concello de Guntín elixiu na tarde deste mércores como o seu...

Amancio Prada volve a Lugo 16 anos depois

Amancio Prada volve a Lugo 16 anos despois do seu último concerto nesta cidade....

Piden a absolución dun mozo de Vilalba acusado de violar á súa ex parella menor de idade

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo acolleu este martes a celebración do...