O parlamentario socialista Julio Torrado acusou este martes aos populares e ao responsable da CRTVG de empregar o medio público como “arma de manipulación masiva” e mesmo como “bazooka intoxicador de noticias”. Así o dixo no debate dunha pregunta oral sobre a decisión da TVG de deixar sen atender á presentación da incorporación do románico da Ribeira Saca luguesa á Ruta transrománica europea, por parte da Deputación de Lugo.
O responsable socialista criticou que o ente público decidira suprimir das previsións informativas unha cobertura positiva para a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade da Unesco, simplemente porque corría a conta do presidente da Deputación, o socialista José Tomé. Sinalou que “semella que o feito de ser dirixentes ou persoas do PSdeG fixera máis difícil que a TVG cubrira novas que poden ser boas para o conxunto da cidadanía”.
Durante a comparecencia, o propio director xeral da CRTVG comparou os datos de cobertura da Deputación de Ourense e a de Lugo, e suliñou que a primeira tivo 34 pezas fronte a 25 da segunda entre xaneiro e finais novembro, “o que evidencia que o ente ourensá ten máis de atención da TVG que o de Lugo”, para o PSdeG. “Sorprende que teñan a ben cubrir cada suspiro, cada chiscar de ollos, cada cambio de garabata do presidente da Xunta ou da Deputación de Ourense”, dixo.
Así, advertiu que “sempre coincide” que as prioridades informativas do día prexudican aos representantes socialistas, ao contrario de cando se trata de representantes do PP. Algo semellante, lembrou, sucede coa presentación dos Orzamentos da Deputación de Lugo, que a TVG obviou mentres á mesma hora estaban recollendo declaracións do portavoz do PP na porta do Pazo de San Marcos sobre a disolución de Suplusa. Por iso, reclamoulle ao responsable da CRTVG que explique “por que os responsables de contidos nunca consideran importante” a información en función da posición política da persoa.
Torrado lembrou que o próximo venres, primeiro día de ano, será o “venres negro” número 137, no que os traballadores protestan pola falla de obxectividade e contra a manipulación política dos servizos informativos. Sinalou que malia que o director xeral do ente afirme que pechan o ano “razoablemente estable no plano laboral” en realidade “a CRTVG é estable pero no negativo” e chamou a “ter en conta tamén a dignidade do medio público e da profesión xornalística”.