InicioPolíticaA polémica e as dúbidas envolven varios procesos selectivos de veterinarios en...

A polémica e as dúbidas envolven varios procesos selectivos de veterinarios en Lugo

Por un lado, o PP "desconfía" ao ver que dous coñecidos socialistas encabezan a listaxe de substitución da Deputación. Por outra banda, CSIF denuncia o proceso da OPE do 2017, convocada pola Xunta, na que aseguran que se "blindou" unha praza para o alcalde de Cervo.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O grupo provincial do Partido Popular fixo hoxe pública, nunha rolda de prensa, a súa “desconfianza” ante o proceso selectivo para a substitución de veterinarios na Deputación de Lugo. Na lista clasificatoria aparecen dous coñecidos socialistas nos dous primeiros postos: a exdeputada Sonia Verdes e o exconcelleiro de Medio Ambiente en Lugo Xosé Daniel Piñeiro.  Ante as críticas do PP, o goberno provincial axiña reaccionou cun comunicado no que “desmontan” as “falsidades” e aseguran a máxima transparencia.

O voceiro do PP na Deputación, Jorge Javier Castiñeira, cualificou de “rechamante” o feito de que sexan dúas persoas do PSOE as que encabecen a lista de aspirantes. “É un proceso no que, cando menos, se aliñan todos os astros e as coincidencias de forma inquietante a favor destes dous socialistas”, declarou.

“É certo que os dous sacaron as maiores notas, tanto no teórico como no práctico. Vese que estiveron moi aplicados nese sentido e os dous tamén teñen máis méritos. Pero tamén os dous son os mellores na entrevista  persoal, duplicando ao terceiro”, engade Castiñeira. Ademais, os populares resaltan que no tribunal participou o director da Granxa Gayoso Castro, socialista que gobernou o concello de Triacastela, algo que dende o goberno provincial retrucan ao lembrar que, “por regra xeral”, os xefes de servizo da área correspondente forman parte dos tribunais de valoración.

“FALTA DE TRANSPARENCIA E EXEMPLARIDADE”

Amais de todo isto, o PP tamén afea que o proceso fose aprobado xusto o día antes de decretarse o estado de alarma e publicado en pleno confinamento, o 6 de abril. “Miren vostedes que é coincidencia”, din, para expresar as súas sospeitas.  Non obstante, no comunicado que emitiu o equipo de goberno quítanlle peso a este feito e indican que “este proceso tivo unha maior publicidade precisamente debido á declaración do primeiro estado de alarma”. Así, aseguran que se publicou dúas veces antes de que abrira o prazo, unha vez rematada a situación de emerxencia.

Para os populares da provincia, o proceso está envolto de dúbidas. “Cremos que falta transparencia. O resultado é pouco exemplarizante”, sosteñen. Así pois, avanzan que vixiarán e investigarán de preto o proceso. “Agora o único que falta é que en poucos meses se xubilen dous veterinarios da Deputación e que estes dous socialistas pasen a formar parte do cadro de persoal da institución, o cal remataría as coincidencias”, conclúen.

O GOBERNO PROVINCIAL PIDE A RECTIFICACIÓN

O goberno provincial, formado por PSOE e BNG, garante no seu comunicado a “máxima transparencia” no proceso e indica que “a corrección das probas de selección sempre se fai baixo anonimato”. Din, así mesmo, que neste caso a puntuación da entrevista persoal non influíu no resultado final nin na orde dos seleccionados, dada a puntuación obtida na fase previa de oposición.

Daquela, aseguran que a Deputación “cumpriu con todos e cada un dos principios esixidos pola Lei para os procesos de acceso á Administración pública: publicidade, mérito e capacidade”. Esíxenlle ao Partido Popular que “retire” e “rectifique” as “falsidades” vertidas ao respecto e déixanlle caer que “sinalar persoas pola súa traxectoria política e tratar de coartarlles a liberdade de presentarse a procesos de selección é propio de réximes superados hai corenta anos e de prácticas da ultradereita”.

DÚBIDAS TAMÉN NA OPE DA XUNTA

Non son estas as únicas dúbidas que xorden estes días respecto a procesos selectivos que afectan a provincia. E é que o sindicato CSIF tamén denunciou o proceso de prazas da OPE 2017, convocada pola Xunta, por “blindar” supostamente unha praza pública para un alcalde do PP en excedencia.

Aínda que o sindicato non o especifica na denuncia pública, refírese ao rexedor de Cervo, Alfonso Villares, que está en “excedencia forzosa” como alcalde. Concretamente, CSIF denuncia que o pasado 11 de decembro, o Diario Oficial de Galicia publicou a convocatoria do proceso selectivo de consolidación de veterinarios, pero na relación de prazas que se adxuntasuprímese unha das que estaban incluídas na OPE do 2017″.

En tal Oferta de Emprego Público, publícábase a relación de prazas que ían incluírse na convocatoria do correspondente proceso selectivo de consolidación de emprego temporal correspondente a veterinarios, todas elas convocadas por traballadores temporais.

CRITERIOS CAMBIANTES

CSIF indica que, preguntado o director de Función Pública, José María Barreiro, a Consellería de Facenda decidiu “cambiar o criterio seguido ata agora” e convócanse prazas que están “efectivamente” ocupadas. Un dos traballadores temporais afectado polo proceso de consolidación de veterinarios atópase en excedencia forzosa, con reserva de praza, pola súa condición de alcalde. Cos criterios que se seguían ata o de agora, o rexedor, do mesmo xeito que o resto de traballadores temporais, tería que participar na oposición para, no caso de superala, converterse en persoal fixo. No caso de suspender perdería o posto de traballo.

Co novo criterio, “na práctica, aínda que non participe na oposición, seguirá mantendo o seu posto de traballo de maneira indefinida”. Segundo CSIF, que non cita directamente quen é pero polos datos pódese deducir, o “beneficiario deste cambio de criterio é un influente alcalde do PP da provincia de Lugo, que pertence ao partido desde o ano 1995 e, desde o ano 2007, goberna no seu concello con maioría absoluta”. “Á súa vez, ten un cargo destacado na Fegamp”, engade como acenos.

A RESPOSTA DE VILLARES

Consultado por Europa Press, o rexedor de Cervo, Alfonso Villares, indicou que a súa situación segue “como estaba” antes da convocatoria deste proceso e lembra que o seu posto de traballo é indefinido. Ademais, e tras indicar que descoñece os criterios da convocatoria desta OPE, engadiu que a administración “ten que volver situalo” no seu posto ou nun equivalente unha vez termine a súa excedencia forzosa, como “calquera cargo público” na súa mesma situación.

Pola súa banda, a Consellería de Facenda, consultada por Europa Press, indicou que non se trata dunha única praza, senón de doce. Trátase de prazas que “non están ocupadas na actualidade, aquelas que se amortizaron por xubilación, falecemento ou causas similares e que estaban ocupadas por persoal indefinido que aprobou un proceso selectivo”.

ÚLTIMAS

O Arde lucus xa está aquí, as lexións romanas tomaron a cidade

Preto de chegar ás 21,00 horas na ponte romana da cidade, dun lado estaban,...

Investigado un traballador do Concello de Lugo por presuntos abusos sexuais

Un traballador social do Concello de Lugo atópase actualmente investigado como presunto autor dun...

O loteiro lucense detido polo atraco ao seu propio negocio queda en liberdade

O loteiro lucense detido o martes pola súa presunta implicación no atraco perpetrado contra a súa propia...

O Concello adianta dúas horas o peche das discotecas, ás 4,00 horas

O goberno municipal de Lugo adiantou dúas horas, das 6,00 ás 4,00 horas, o...