O PSdeG: “Os orzamentos da Xunta son nefastos para Lugo. Feijóo castiga onde non goberna”

Gonzalo Caballero visitou a cidade, acompañado de varios dirixentes socialistas, que criticaron a ausencia de "folla de ruta" da Administración autonómica para saír desta crise.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, nunha rolda de prensa xunto a dirixentes socialistas nesta provincia para valorar as contas da Xunta para 2021. PSDEG-PSOE

O secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, reprochou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a ausencia dunha “folla de ruta” para a reactivación económica e social, a pesar de ter máis fondos do Estado e da Unión Europea.

Así o expuxo nunha rolda de prensa xunto a dirixentes socialistas na provincia de Lugo. Nela, remarcou que os orzamentos que a Xunta expón para 2021 “contan con máis de 1.100 millóns de euros a maiores”, partida na que incluíu “uns 700 millóns do Estado e case 500 que chegan de Europa”.

E é que, aínda que considerou unha “emenda á totalidade” as contas do PPdeG para o próximo ano ás que esta formación presentou “no últimos dez anos”, considerou que por parte de Feijóo falta un “proxecto de país” para o destino do diñeiro que percibirá.

POLITICA DE “RODILLO”

“Non hai unha folla de ruta para a reactivación e reconstrución”, insistiu o dirixente socialista, quen manifestou que por parte de Feijóo non houbo “ningunha chamada” á oposición “para alcanzar acordos”.

Ao fío diso, acusou os populares de manter unha política de “rodillo” e “a curto prazo”. “Con falta de ambición e políticas escasas para facer fronte á crise económica en Galicia”, insistiu Gonzalo Caballero, quen apelou a ter uns orzamentos que amplien o gasto en benestar.

Na análise das distintas partidas, o secretario xeral dos socialistas galegos manifestou que, a pesar de ter uns orzamentos que permiten á Xunta “gastar moito máis”, o peso en educación ou sanidade nas contas “é menor do que representaba o ano pasado”. “Falta compromiso en materia industrial e en desenvolvemento do medio rural”, citou tamén como exemplos, ao que sumou un “retroceso” nos fondos para as administracións locais.

“NEFASTOS” PARA LUGO

A iso, referíronse tamén os dirixentes do PP en Lugo. “Estamos ante unhas contas ficticias, maquilladas e que non responden as necesidades dos lucenses”, argumentou a secretaria provincial dos socialistas lucenses, Patricia Otero. Entre outras cuestións, denunciou que “para os gandeiros de Lugo só se destinan 150.000 euros, esa é a aposta de Feijóo na nosa provincia”.

“Son uns orzamentos nefastos”, resumiu o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, quen aludiu ás “competencias impropias” que asumen os concellos e, en particular, coa pandemia, como a desinfección dos centros educativos. “Feijóo dixo que ía ser a legislaturta do rural e non só non foi así senón que foi un retroceso no rural”, engadiu aludindo tamén ás contas para 2021. “Castiga onde non goberna”.

Mentres, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, expuxo que “ano tras ano se contemplan as mesmas partidas e non hai execución”. En particular, incidiu nas emendas socialistas para que se inclúa “retomar o museo de romanización” na cidade. No caso da estación intermodal, dixo que hai “un incremento”. “Pero, ante a falta de execución de anos anteriores, a priori a incredulidade está aí”, engadiu.